Colectivos de Moaña e Bueu reciben este 2022 preto de 16.000 euros da Deputación para rehabilitar o Galeón Eliseo e o Bote Xeiteiro ‘Os Galos’

As dúas entidades beneficiarias son Sueste de Moaña e Amigos das embarcacións tradicionais ‘Os Galos’ de Bueu

31/08/2022

Subvencións Marítimo Fluviales

Dúas asociacións da comarca do Morrazo van recibir este 2022 unha nova inxección económica de case 16.500 euros para poñer en valor o patrimonio marítimo da zona recuperando o galeón Eliseo e o bote xeiteiro e polbeiro ‘Os Galos’ . Trátase dos colectivos Sueste (Moaña) e Amigos das embarcacións tradicionais ‘Os Galos’ (Bueu), que foron incluídos entre as 21 entidades beneficiarias da liña de axudas para a Recuperación e posta en Valor do Patrimonio Marítimo Fluvial impulsada pola deputada de Patrimonio María Ortega, que este ano distribuíu todo o crédito dispoñible (150.000 euros) e por primeira vez concedeu fondos para proxectos de musealización relacionados cos ríos no interior da provincia.

A deputada nacionalista manifestou a súa satisfacción polo crecente interese nas axudas,  que no 2020 –ano no que se puxeron en marcha- chegaron  a 14 colectivos e repartiron algo máis de 100.000 euros, mentres que en 2021 chegaron a 16 asociación e repartiron uns 128.000 euros. Ortega salientou que nesta exercicio houbo colectivos de zonas de interior, non só de costa, que participaron na convocatoria propoñendo recuperación de muíños fluviais, un feito que –augurou- servirá de acicate para outras entidades nas vindeiras edicións.

No total da provincia a liña de axudas para a recuperación e posta en valora do Patrimonio Marítimo Fluvial chegou a colectivos, principalmente localizados no Salnés (9), pero tamén en Pontevedra (2), Baixo Miño (1), Lalín (2) e Vigo (5). No caso do Morrazo, a Asociación Recreativa e Cultural Sueste seguirá acumulando axudas para a rehabilitación do galeón Eliseo (11.298,97 euros), mentres que a Asociación ‘Os Galos’ recibirá 5.143,32 euros para a rehabilitación do bote polbeiro de Bueu do mesmo nome.

No caso do Galeón Eliseo, nesta edición das axudas a asociación Sueste recibiu subvención para protexer o casco fronte a corrosión e desgaste da madeira, mediante varada, chorreo de obra viva, aplicación de patente, lixado e pintado; acometer  traballos de reparación do motor, reparación da bomba inxectora, labores de mantemento, e cambio de fluídos; o  cambio de cabos e da enxarcia (sistema de cabos que permiten o izado de velas e manteñen a posición do mastro); así como a rehabilitación de tapas de bodega e reparación brazola e dotación dunha lona de protección da cuberta para a protección fronte ao sol e a auga doce.

Segundo explican dende Sueste, o galeón das rías é unha embarcación que se dedicaba noutros tempos ao transporte de mercadorías entre as diferentes vilas de cada unha das baías galegas, e tamén, os de máis porte, entre os portos da costa galega saíndo a mar aberto. As súas características facíannos aptos para estes menesteres por seren ‘panzudos’ de proa, con moita manga con respecto á eslora, cuberta ocupada en gran parte ou totalmente pola bodega; e  popa redonda, tendo moi pouco calado, que facilitaba o achegamento a terra; así como tamén o casco, moi plano, axudaba a que puidesen varar nas praias sen ningún tipo de problema.

O Eliseo foi construído en 1908 para o armador José Romaní Ferrer, para quen navegou na ría de Muros-Noia pescando sardiña. Na súa segunda etapa (1925-1948) pasou por varios propietarios de Vilalonga para transporte de arxila e barro, así como de ladrillos e tellas. Posteriormente, ata 1972, transportou leña e area, pasando en 1950 a ser denominado como actualmente, Eliseo, fronte ao anterior nome de Pepita, inscribíndose na Capitanía de Vilagarcía por primeira vez a instalación dun motor, e dando servizo a unha batea. Ata 2005 tivo base en Vilanova e logo no Grove, e xa dende ese ano pasa a mans da asociación Sueste de Moaña con uso divulgativo e recreativo como museo vivo.

Bote polbeiro de Bueu

Pola súa banda, o colectivo ‘Os Galos’ recibirá máis de 5.000 euros para o bote homónimo co fin de instalar unha nova vela, dispoñer dunha funda de cuberta para cubrir o barco dos elementos cando está no pantalán, e mercar aparellos varios para substituír algúns a piques de romper. Tamén se adquiriu material de seguridade e salvamento e elementos de protección da embarcación como boias e defensas.

O bote polbeiro, explican dende ‘Os Galos’ é unha embarcación tradicional das rías baixas, característica da vila de Bueu e erixiuse en icona do colectivo. Destaca pola súa solidez e amplitude: a manga chega a ser a metade da eslora. Segundo o antropólogo sueco Staffan Mörling as súas formas están baseadas na lancha de relinga e na súa construción empréganse madeiras de carballo (para a quilla, a roda, o codaste e as cadernas), e de piñeiro para o resto dos elementos.

A súa ocupación dominante era a pesca do polbo con raña, ao que se adaptaba moi ben, aínda que tamén se utilizaba para outro tipo de capturas. No caso do bote ‘Os Galos’ dado a súa envergadura, seguramente tería sido empregado para ir ao xeito na busqueda da sardiña: unha arte de enmalle de deriva que está constituida por un pano rectangular estendido entre dúas trallas, a superior que consta dun sistema de flotación por boias que permite o calado a profundidade variable e a inferior que está lastrada con chumbos. Debe permanecer unido á embarcación mediante un cabo de
lonxitude variable, quedando o outro libre.

Musealización ou promoción sociocultural

Entre as actuacións que podían recibir axuda económica da Deputación están os traballos de rehabilitación en embarcacións co fin de recuperar o seu carácter orixinal ou de manter elementos estruturais que permitan o mantemento da embarcación; así como accesorios e equipamento das embarcacións que fosen de investimento (baterías, motor, depósitos, aparellos, velas, obenques, quilla, drizas, equipamento de salvamento…), sempre destinándose a actividades de promoción sociocultural ou musealización, encaixados na Liña 1 das subvencións.

Outras das actuacións subvencionadas permitida (Liña 2) son as obras de restauración e conservación de artes e aparellos de pesca e marisqueo tradicionais, ferramentas e maquinaria, instrumental de navegación, útiles de comunicación e sinalización, cordoería, artesanía e demais elementos vinculados á cultura marítima e fluvial, todos eles destinados a actividades de musealización ou difusión social e cultural. Tamén se permiten axudas (Liña 3) para intervencións realizadas sobre construcións e instalacións de terra (almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras), mostras da arquitectura industrial e popular marítimo fluvial na provincia, para seren reconvertidas en espazos culturais.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.