Unha xornada de conferencias analizará o papel dos pontevedreses no Seminario de Estudos Galegos

Ramón Villares, Justo Beramendi, Carlos Valle e Ángeles Tilve están entre as persoas relatoras que o próximo venres 27 de outubro falarán, no Museo de Pontevedra, de Castelao, Filgueira Valverde, Ramón María Aller e outras personalidades destacadas da cultura galega de principios do século XX

19/10/2023

papel dos pontevedreses no SEG

O Museo de Pontevedra celebrará o próximo venres 27 de outubro un dos actos centrais da súa programación arredor do centenario do nacemento do Seminario de Estudos Galegos (SEG). Dedicará unha xornada de conferencias a analizar o papel no SEG de destacadas figuras vinculadas á cidade e á provincia, xa sexa pola súa orixe ou por vínculos familiares ou afectivos. Investigadoras e investigadores revisarán o rol de figuras coma Filgueira, Castelao, Sebastián González ou Iglesias Vilarelle no innovador labor interdisciplinar que desenvolveu a máis importante institución cultural do primeiro terzo do século xx en Galicia.

A xornada de conferencias desenvolverase o venres 27 no Edificio Castelao en dúas sesións: de 10:00 a 14:00 e de 16:15 a 20:30 horas, con oito conferencias e dous coloquios. O acceso é libre, aínda que as persoas que queiran obter un certificado de asistencia deberán inscribirse previamente en reservas.museo@depo.gal.

Abrirá a sesión matinal o catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Ramón Villares, cunha conferencia na que enmarcará a vinculación de Pontevedra co proxecto do SEG. Carlos Valle, exdirector do Museo de Pontevedra e presidente de honra da Confederación Española de Centros de Estudos Locais, dedicaralle a súa intervención a Xosé Filgueira Valverde, o máis novo dos integrantes cando se puxo en marcha o seminario, no que tivo grande importancia pola súa capacidade de traballo e pola diversidade dos seus intereses intelectuais.  Pechará a sesión matinal a directora do museo, Ángeles Tilve, que lle dedicará a súa conferencia a Alfonso Rodríguez Castelao. O intelectual e político rianxeiro foi elixido membro do SEG na súa segunda sesión, en novembro de 1923, e ingresou en maio de 1924 coa lectura do texto “A carón da natureza”, que logo abriría o seu libro Cousas. Castelao foi o deseñador do emblema do seminario e participou activamente nas iniciativas deste proxecto colectivo.

Sesión vespertina

A sesión de tarde estará dedicada a reivindicar cinco figuras quizais menos coñecidas, pero que realizaron un traballo transcendente dentro do complexo labor interdisciplinar que levou a cabo o SEG: Antón Losada Diéguez, Ramón María Aller Ulloa, Antonio Iglesias Vilarelle, Sebastián González García-Paz e Felipe Ramón Cordero Carrete.

Justo Beramendi, catedrático emérito de Historia Contemporánea da USC, describirá a contribución de Losada Diéguez a fitos do nacionalismo de principios do século pasado, coma as Irmandades da Fala, a revista Nós e o xornal Galicia. Ingresou no seminario en 1924 e, ademais de participar en actividades en Moaña, en Vigo e no Carballiño, organizou en 1928 a cuarta xuntanza xeral, que tivo lugar en Pontevedra.

A responsable do museo municipal de Lalín, Cecilia Doporto Regueira, dedicaralle a súa intervención a Aller Ulloa e ás xeiras do seminario na comarca de Deza. O ilustre científico lalinense, que foi arquitecto, mestre reloxeiro, fotógrafo e debuxante, puxo á disposición do seminario o primeiro observatorio privado de Galicia. Foi membro do SEG desde 1928, ano no que comezaron as xeiras por Deza.

Das diversas inquedanzas de Iglesias Vilarelle falará Luís Costa, catedrático de Musicoloxía do Conservatorio Superior de Música de Vigo. Aínda que as súas actividades máis coñecidas están relacionadas coa música, as que desenvolveu no seminario vincúlanse á psicotécnica e á diglosia. O relatorio pretende achegarse a estes aspectos contextualizándoos no seu momento histórico e avaliándoos desde unha perspectiva actual.

O historiador, documentalista e escritor Alfonso Mato achegarase á figura de Sebastián González a través das tres frontes nas que desenvolveu as súas actividades profesionais, culturais e políticas entre 1925 e 1936: na universidade (como alumno e profesor), no seminario e no galeguismo.

Por último, Diana Duo Ramila, doutora en Historia da Arte e membro do Gabinete Didáctico do Museo de Pontevedra, reconstruirá a pouco coñecida traxectoria vital e profesional de Cordero Carrete a partir da correspondencia persoal e profesional conservada no museo, así como doutros fondos pertencentes a institucións españolas e americanas.

Galerias de imagenes