Os ciclos de teatro e cinema da Deputación chegan este venres á Illa de Arousa e ao Grove
O auditorio municipal da Illa de Arousa acolle ás 20:30 horas a representación de As alumnas no marco de “Tornar ás táboas”. Pola súa banda, o Ciclo Mestre Mateo chega ata a Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey do Grove coa proxección, a partir das 20:00 horas, de Unicorn Wars
23/11/2023
Os ciclos de teatro e cinema da Deputación de Pontevedra chegan este venres 24 de novembro á Illa de Arousa e ao Grove. O auditorio municipal da Illa de Arousa acolle ás 20:30 horas a función As alumnas, a cargo da produtora Culturactiva, no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a institución provincial está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. Pola súa banda, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey proxectarase, ás 20:00 horas, Unicorn Wars, como parte da programación do Ciclo Mestre Mateo promovido pola Deputación e a Academia Galega do Audiovisual.
Dirixida a un público novo e adulto, a peza teatral As alumnas amosa o retroceso educativo que supuxo o franquismo en canto a xustiza social, memoria histórica, igualdade e resiliencia. Marcada pola figura da pedagoga galega María Barbeito e a través do retrato vital de dúas mulleres, Mónica Camaño e Anabel Gago, a obra ten como eixo fundamental a educación como ferramenta liberadora para as persoas, e especialmente para as mulleres. As alumnas, creada por Paula Carballeira e dirixida por Fina Calleja, conta co Premio Nacional de Literatura Dramática 2023 e o Premio Luisa Villalta a proxectos pola igualdade.
Con guión e dirección de Alberto Vázquez, e con Chelo Loureiro, Iván Miñambres e Nicolas Schmerkin na produción, Unicorn Wars recibiu en 2022 o Goya á mellor película de animación e tamén foi finalista neste ano nos galardóns do audiovisual galego nas categorías de mellor dirección, dirección de arte, guión, montaxe e son. A historia arranca co exército osiño adoutrinando a novos recrutas para conducilos á guerra que iniciaron contra os unicornios porque cren que ameazan a seguridade do seu pobo. Nese grupo inexperto están os protagonistas, os irmáns Azuliño e Gordi, que xunto aos seus compañeiros serán enviados a unha perigosa misión para salvar o Bosque Máxico.