A provincia saca músculo turístico en setembro e mantén o seu liderado en Galicia cun 62% de ocupación, nove puntos máis que en 2021
Carmela Silva: “Os datos son magníficos en todas as comarcas: é un dos mellores setembros dos últimos anos e xa estamos nos parámetros previos á pandemia”
30/09/2022
O turismo segue nunha espectacular dinámica na costa e no interior das Rías Baixas. Tras uns meses de xullo e agosto históricos en visitas, a provincia volveu sacar músculo en setembro cunha ocupación media do 61,8%, o que supón 9,3 puntos máis que no mesmo período de 2021. “Os datos son magníficos en todas as comarcas, nalgúns casos espectaculares. É un dos mellores setembros dos últimos anos e xa estamos nos parámetros previos á pandemia”, destacou ao facer balance a presidenta da Deputación, Carmela Silva.
A presidenta explicou que o resultado de setembro superou as propias expectativas da institución, que situara a previsión no 59%. A provincia revalida o seu liderado en Galicia e rexistra aumentos que chegan ao 28% nalgunhas comarcas, como é o caso de Condado-Paradanta. A comarca de Vigo obtivo a ocupación máis alta, co 71,5%, seguida de Caldas cun 70,2% e un espectacular incremento do 23%. Pontevedra e Baixo Miño situáronse por riba do 63%, mentres que Condado-Paradanta alcanzou o 62%, O Salnés obtivo case un 58%, Deza-Tabeirós superou o 51% e O Morrazo acadou o 49%. Estes son os datos comarcalizados:
Comarca | setembro 2022 (%) | Incremento sobre 2021 |
---|---|---|
Vigo | 71,5 | 3 |
Caldas | 70,2 | 23 |
Pontevedra | 63,5 | 1,5 |
Baixo Miño | 63,1 | 13 |
Condado-Paradanta | 62,1 | 28 |
O Salnés | 57,7 | 4,3 |
Deza - Tabeirós | 51,5 | 8,5 |
O Morrazo | 49,3 | 0,3 |
En canto aos concellos, as cidades situáronse á cabeza, co 75,1% de ocupación en Vigo e o 73,4% en Pontevedra. Respecto a outros polos turísticos da provincia, Baiona chegou ao 69,2%, cun crecemento de tres puntos, mentres que Sanxenxo rozou o 58% cun aumento do 5,8% e O Grove acadou o 54,3%.
Concello | Agosto 2022 (%) | Incremento sobre 2021/ 2019 (%) |
---|---|---|
Vigo | 75,1 | 1,5 |
Pontevedra | 73,4 | 0,5 |
Baiona | 69,2 | 3 |
Sanxenxo | 57,8 | 5,8 |
O Grove | 54,3 | 2,3 |
A presidenta da Deputación cualificou tamén de “moi positivos” os datos dos aloxamentos de turismo rural, cunha ocupación media do 48,8%. “Son case tres puntos máis que no 2021”, indicou Carmela Silva. Neste apartado as comarcas de Caldas e Baixo Miño obtiveron as maiores porcentaxes de ocupación, por riba do 62%. Destaca ademais o aumento de 20 puntos respecto a setembro do ano pasado en Pontevedra e a súa contorna.
Comarca | Agosto 2022 (%) | Incremento sobre 2021/ 2019 (%) |
---|---|---|
Caldas | 62,5 | 0,5 |
Baixo Miño | 62,2 | 10,2 |
O Morrazo | 57 | 1 |
O Salnés | 54,9 | 13,6 |
Pontevedra | 53,7 | 20 |
Vigo | 46,1 | 1 |
Condado-Paradanta | 42,2 | 1,7 |
Deza - Tabeirós | 38,3 | 3,3 |
A máxima responsable provincial tamén aportou datos sobre a ocupación de vivendas turísticas, que superou o 60%; e sobre as visitas ás fortalezas de Soutomaior e Sobroso. “Foi un verán histórico nos castelos”, afirmou. Soutomaior recibiu a 3.670 persoas, un milleiro máis que en setembro de 2021, mentres que Sobroso, que en 2021 estivo pechado polas obras de musealización, foi visitado en setembro por 829 persoas. “No conxunto do verán alcanzáronse as 23.200 persoas no castelo de Soutomaior e máis de 7.000 en Sobroso”, expuxo Carmela Silva.