A provincia supera en 4 puntos a ocupación na ponte de decembro de 2021 acadando un 74%

Vigo e as súas luces de Nadal foi a punta de lanza da atracción de visitantes á provincia de Pontevedra e todas as comarcas superaron os datos de 2021

15/12/2022

Grandes datos de ocupación na provincia de Pontevedra durante a ponte de decembro que volve a revalidar o seu liderado turístico en Galicia. A provincia rexistrou unha ocupación media do 73,7%, o que a sitúa catro puntos porcentuais por enriba da acadada na ponte do pasado 2021, cando a provincia colleitou un 69,7% de ocupación media, segundo se recolle nos datos obtidos polo Observatorio de Turismo Rías Baixas.

A cidade de Vigo, cunha ocupación do 93% e cheo nas fins de semana, e a súa comarca, cun 85%, destacando tamén o dato de Baiona cun 86,6%, lideraron o turismo en Rías Baixas, seguida polo Morrazo cun 79,8% e O Condado e A Paradanta, que tamén salienta cun 74,8%. No resto da provincia, O Salnés acadou un 67,9%, cunha especial mención a Sanxenxo, cun 80,5%, a comarca de Pontevedra tivo un 59,8% de ocupación, coa cidade de Pontevedra por enriba da media cun 60,5%, na de Caldas o dato foi do 59,1%, cun incremento de 12 puntos respecto ao ano anterior, O Baixo Miño acadou un 55,2% e a zona de Deza e Tabeirós-Terra de Montes pechou a ponte cunha ocupación media do 50,6%.

O turismo rural tamén superou os datos do ano pasado en máis dun punto porcentual, acadando un 46,6%. Por comarcas, foi O Morrazo a que acadou unha maior ocupación cun 70,9%, seguida de Vigo cun 57,7% e Pontevedra cun 55,1%. Séguenlle O Baixo Miño cun 48,9%, O Salnés cun 45,7%, O Condado e A Paradanta cun 44,5%, Caldas cun 42,5% e Deza e Tabeirós-Terra de Montes cunha ocupación do 32,4%. En canto ás vivendas turísticas, a media de ocupación da provincia foi do 73%, salientando a ocupación na cidade de Vigo cun 100%, Poio e Sanxenxo cun 80%, Marín cun 70% e a cidade de Pontevedra cun 64%

O Castelo de Soutomaior, totalmente mimetizado co Nadal, tamén superou con creces os datos obtidos na anterior ponte, achegándose ás preto de 5000 visitas para desfrutar do alumeado e a decoración ademais do mercadiño. Ademais, polo Castelo de Sobroso pasaron outras máis de 500 persoas.

Máis dun millón de persoas coñecen os Castelos da Deputación nas oficinas de Correos

Máis de 1,1 millón de persoas pasaron polas 21 oficinas de Correos nas que a Deputación de Pontevedra promocionou os castelos de Soutomaior e Sobroso entre os meses de maio e outubro. As principais iconas culturais, patrimoniais e turísticas da provincia foron protagonistas dunha campaña focalizada en cidades de interese prioritario, debido ao seu interese polo patrimonio e a paisaxe e por contar con voos directos a Galicia. Deste xeito, as imaxes de Soutomaior e Sobroso estiveron dispoñibles nas pantallas interiores, exteriores e exteriores de gran formato das oficinas de Barcelona, Bilbao, Málaga, Marbella, Sevilla, Valladolid e Valencia. Tamén se imprimiron 2000 postais prefranqueadas promocionais con imaxes de ambas fortalezas, que tamén se podían atopar nestes 21 puntos de Correos.

Esta iniciativa enmárcase no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2021-2023, unha ferramenta esencial que actúa como folla de ruta de cara á mellora da competitividade e posicionamento do destino Pontevedra Provincia.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.