A Deputación adxudica as obras de reposición do firme da EP-6410 Bodaño-Merza en Vila de Cruces
Os traballos, nos que se investirán case 429.000 euros, desenvolveranse ao longo de seis quilómetros desta estrada provincial para garantir a seguridade viaria
12/06/2023
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de adxudicar as obras de reposición do firme na EP-6410 Bodaño-Merza ao seu paso polo concello de Vila de Cruces, por un orzamento total de 428.822 euros. Estes traballos, que teñen un prazo de execución de catro meses, buscan garantir a seguridade viaria neste treito da estrada provincial.
Deste xeito, a actuación desenvolverase en case a totalidade do trazado da EP-6410 (6 dos 6,8 quilómetros polos que transcorre), onde se procederá á reparación da estrada coa renovación do firme e coa mellora da drenaxe da calzada e a realización das operacións complementarias de reposición da sinalización horizontal afectada.
Na mesma estrada provincial, que comunica os núcleos de A Moa, Reboreda e O Outeiro, a Deputación de Pontevedra ten actuado previamente, remodelando o seu paso pola área recreativa da Carixa, cun investimento de cen mil euros. Neste caso, as obras centráronse nun tramo de cen metros da EP-6410 coa finalidade de dar resposta ás demandas de seguridade viaria da veciñanza e persoas usuarias da área recreativa, un espazo natural e de lecer no que se dan cita numerosas persoas no verán.