A artista CH Sueiro imparte este xoves o obradoiro “Mar d forma” na sede da Deputación en Vigo

As persoas participantes abordarán o proceso creativo a partir de materia devolta polo mar que se pode observar tamén na exposición “Alma madeira mar” de CH Sueiro na Sala Maruja Mallo. Para asistir ao obradoiro cómpre realizar inscrición en participa.cultura@depo.es

30/05/2023

A artista Ch Sueiro impartirá este xoves, 1 de xuño, de 18 a 20 horas, un obradoiro creativo dirixido a persoas maiores de 16 anos no marco da mostra “Alma madeira mar” que está a acoller a Sala Maruja Mallo da sede da Deputación en Vigo. Baixo o título “Mar d forma”, Sueiro introducirá as persoas participantes no proceso creativo a partir de materiais devoltos polo mar, animándoas a que xoguen con estes obxectos para darlles forma. Para asistir é necesario inscribirse no enderezo electrónico participa.cultura@depo.es e cómpre que as persoas acudan con material recollido previamente na praia ou nas rochas para, a partir de aí, comezar a explorar.

Mar d forma” está ligado á mostra “Alma madeira mar”, onde Ch Sueiro amosa ata o 16 de xuño na sede da Deputación en Vigo pezas de escultura elaboradas coas madeiras que o mar lles devolve ás praias e aos cantís. As súas obras teñen carácter surrealista e son de pequeno e medio formato, e a madeira convértese nun pretexto para crear pezas que xorden do imaxinario e do onírico, con sereas, barcos, náufragos ou medusas. Tamén xorden peregrinas e peregrinos para ser contemplados nas súas tres dimensións. En definitiva, e en palabras da artista, é “o mundo do mar interpretado dun xeito máxico, pero tamén achegado á terra”.

Ch Sueiro estudou Belas Artes en Madrid e aborda na súa traxectoria a pintura surrealista e a escultura con madeira e ferro como materias primas. Ten exposto en galerías e museos de España, e fixo mostras colectivas en Milán e París. En 1986 fundou a Galería Conde Sueiro, onde amais de amosar o seu traballo de forma permanente, ofrece a obra de artistas da Península e Europa.