As artistas Amelia Palacios e Ch Sueiro amosarán as súas creacións na Sede da Deputación en Vigo

“Alma madeira mar” reunirá as esculturas de Ch Sueiro na Sala Maruja Mallo e “O murmurio da auga” as pinturas de Amelia Palacios na Sala Rosalía

05/05/2023

A auga e o mundo do mar, interpretados en forma de pintura e escultura, centran a nova e dobre proposta expositiva que desde o vindeiro martes, 9 de maio, e ata o 16 de xuño, encherá de arte a sede da Deputación en Vigo. Deste xeito, a Sala Rosalía acollerá as obras pictóricas da artista Amelia Palacios, mentres que na Sala Maruja Mallo será a escultora Ch Sueiro a que amosará as súas pezas elaboradas coas madeiras que o mar lles devolve ás praias e aos cantís. Na apertura da mostra, que terá lugar ás 19 horas, Mónica Sueiro e Marta Pérez ofrecerán a acción “Corpo salgado”. Para asistir é necesario inscribirse no enderezo electrónico participa.cultura@depo.es.

Tanto Amelia Palacios como Ch Sueiro ofrecen unha mirada á arte contemporánea a través da natureza máis inmediata. Así, “O murmurio da auga” é unha mostra máis deste recorrente elemento na obra da pintora Amelia Palacios con paisaxes que teñen como escenario as rías de Pontevedra e Vigo. A través dos xogos de luz e cor, invoca a paisaxe galega repleta de misterio, contos e fábulas, inspirada na poesía e nos recordos oníricos que habitan o seu imaxinario. Nesta mostra, o mar, as brumas e os ríos entrelázanse coa auga común como denominador. Nada en Pontevedra, a artista ten explorado distintos campos artísticos, movéndose entre a ilustración, o deseño, vídeo-arte, arte e natureza e libros de artista entre outros. Expón con regularidade desde o ano 2005 e obras súas forman parte de coleccións privadas e de institucións.

Pola súa banda, Ch Sueiro amosa en “Alma madeira, mar” esculturas creadas coas madeiras que o mar devolve. As súas pezas teñen carácter surrealista e son de pequeno e medio formato, e a madeira convértese nun pretexto para crear pezas que xorden do imaxinario e do onírico, con sereas, barcos, náufragos ou medusas. Tamén xorden peregrinas e peregrinos para ser contemplados nas súas tres dimensións. En definitiva, é “o mundo do mar interpretado dun xeito máxico, pero tamén achegado á terra”. Sueiro estudou Belas Artes en Madrid e aborda na súa traxectoria a pintura surrealista e a escultura con madeira e ferro como materias primas. Ten exposto en galerías e museos de España, e fixo mostras colectivas en Milán e París. En 1986 fundou a Galería Conde Sueiro, onde amais de amosar o seu traballo de forma permanente, ofrece a obra de artistas da Península e Europa.

De forma complementaria, a artista ofrecerá o 1 de xuño, de 18 a 20 horas, un obradoiro creativo na sede provincial en Vigo enmarcado nesta exposición, baixo o título “Mar d forma”. As persoas interesadas (hai un máximo de 12 prazas para persoas maiores de 16 anos) tamén poden inscribirse en participa.cultura@depo.es. Trátase dun obradoiro onde a partir da materia devolta polo mar o  alumnado xogará co material atopado para darlle forma e comezar un proceso creativo. O primeiro paso consistirá en que as persoas participantes traian ao obradoiro materia recollida previamente por elas e eles mesmos na praia ou ben nas rochas para, a partir de aí, comezar a explorar.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.