A Deputación pon o broche de ouro na sede de Vigo á programación impulsada co gallo do Día das Artes Galegas dedicado a Martín Codax
Os actos en homenaxe ao trobador, orixinario de Vigo, consistiron nunha actuación de Doa Dúo e unha demostración de caligrafía medieval en directo a cargo da ilustradora María Sancho
04/05/2023
A sede de Vigo da Deputación vén de acoller “Celebrando a Martín Codax”, o acto co que a institución provincial puxo o broche de ouro á programación que impulsou co gallo do Día das Artes Galegas, que este ano estivo dedicado a Martín Codax. Con esta acción central, que consistiu nunha actuación a cargo de Doa Dúo e unha demostración en directo do traballo con caligrafía medieval da ilustradora María Sancho, a institución pechou unha ampla programación que se desenvolveu desde comezos de abril, con actividades en centros de ensino da contorna de Vigo centradas na música, na historia, na arte, na creatividade, na caligrafía da Idade Media e na divulgación como homenaxe a unha figura esencial da música galega e o trobador máis representativo orixinario da nosa provincia. Asistiron ao evento as deputadas e deputados provinciais Ana Mejías, Santos Héctor e Ana Laura Iglesias.
O acto central da Deputación co gallo do Día das Artes Galegas permitiu ao público gozar de música e poesía medieval da man de Doa Dúo, formado por Susana de Lorenzo e Xoan Piñón. Esta formación, cuxas orixes se remontan a 1978, baséase na xuntanza de tendencias musicais diversas coa música tradicional e medieval de Galicia e outros países do eixe atlántico con arranxos dun xeito persoal heterodoxo, que mesturan instrumentos populares con tecnoloxías de última xeración. Doa Dúo interpretou na sede de Vigo cinco pezas, dúas delas inspiradas nas Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio (“Tudía” e “Estes meus ollos”), outras dúas baseadas nalgunhas das sete cantigas de amigo de Martín Codax contidas no Pergameo Vindel e “O meu amigo era artesán”, adaptación ao galego dunha popular canción irlandesa medieval. Ademais, durante o acto tamén se realizou un vínculo coa creatividade e coa plástica a través da experta en caligrafía medieval María Sancho, que escribiu en directo durante o acto empregando esa técnica.
No transcurso da acción, amais, proxectáronse imaxes dos obradoiros escolares que se levaron a cabo en centros de educación primaria e secundaria da contorna de Vigo (pola relación do trobador con esta cidade e a súa ría): o CEIP Altamar de Vigo, o CEIP Plurilingüe de Redondela, o IES As Barxas de Moaña e o CPI Arquitecto Palacios de Panxón, Nigrán. Estas actividades consistiron en obradoiros de iniciación á caligrafía impartidos por María Sancho e en concertos didácticos de instrumentos medievais a cargo do músico e investigador Pablo Carpinteiro e a especialista en canto e danza Rosa Sánchez, que non puideron estar presentes no peche da programación da Deputación con motivo do Día das Artes pero deixaron as súas palabras a través dun vídeo.
Nos concertos didácticos que ofreceron Carpintero e Sánchez nos centros educativos, o alumnado puido coñecer o uso dos instrumentos medievais utilizados por trobadores como Martín Codax, afondando na súa historia e a súa significación para a nosa cultura. Empregaron pandeiros e pandeiras, ferreñas, rabeis, trompas ou berimbaus, a Rosca do Baixo Miño, o alboka, instrumentos infantís e outros de gaitas de fol (recentemente Carpintero demostrou mediante un modelo matemático e probas do carbono 14 que a gaita de Xan Tilve, gaiteiro de Campañó –Pontevedra– foi construída a mediados do século XV e empregada ata mediados do XX). Pola súa banda, os obradoiros de María Sancho achegaron a escritura medieval ao alumnado a través dunha viaxe que vai desde a caligrafía medieval (tomando como referencia o Pergameo Vindel) ata a caligrafía contemporánea.
A Real Academia Galega de Belas Artes acordou homenaxear a figura de Martín Codax no Día das Artes Galegas 2023, o sábado 1 de abril. Martín Codax, trobador galego da segunda metade do século XIII e comezos do XIV, orixinario de Vigo, referenciou a súa cidade nos seus poemas en numerosas ocasións. Atribúeselle un total de sete cantigas de amigo ao seu traballo literario, as cales figuran nos cancioneiros de lírica galaico‑portuguesa e no Pergameo Vindel. Non se sabe moito sobre el e da súa traxectoria, pero o que é certo é que ninguén pode discutir a súa grandeza lírica. A conxunción dos seus textos coa música — a cal é o vehículo da súa poesía— forma parte das cantigas galegas, que gozan dunha dimensión histórica, cultural e identitaria de grande alcance.