A Deputación pon en marcha esta fin de semana no Castelo de Soutomaior o obradoiro “Arte con papel” e o contacontos “Lendas que florecen”
Trátase de dúas actividades enmarcadas na campaña anual que a Deputación pon en marcha en Soutomaior con motivo da floración da camelia
20/03/2025
A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta fin de semana no Castelo de Soutomaior novas edicións do obradoiro “Arte con papel” e do contacontos “Lendas que florecen”, dirixidos a nenas e nenos a partir dos tres anos de idade. Ambas actividades son oportunidades únicas para que a infancia se achegue a coñecer a flor das Rías Baixas. Son, de feito, dúas das actividades incluídas na campaña anual que a Deputación pon en marcha coincidindo coa floración da camelia.
O obradoiro “Arte con papel” celebrarase este sábado 22 de marzo ás 16:30 horas, cunha hora e media de duración na que as nenas e nenos poderán dar vida a camelias a través de tres actividades cheas de arte e creatividade: origami (aprenderán a encartar papel con precisión e transformar unha folla nunha camelia), flores con papel (empregarán diferentes texturas e materiais como papel celofán, seda e crepé para crear flores únicas e cheas de cor) e collage floral (elaborarán unha obra artística a través dunha colaxe). Pola súa banda o contacontos “Lendas que florecen” terá lugar o domingo 23 de marzo e permitirá que o público infantil descubra durante tamén unha hora a maxia das lendas a través do teatro de sombras que dá vida á historia da camelia combinando narración, arte visual e tradición.
Ademais destas dúas actividades, segue operativo ata finais de mes o street escape da camelia, experiencia similar aos escape rooms pero ao aire na que participantes deberán resolver a través dunha ruta circular de dúas horas enigmas e probas nos xardíns do castelo. E entre o 25 e o 30 de marzo, o público tamén poderá asistir á última quenda de percorridos especiais organizados este ano, que neste caso se centrarán na relación e a influencia que tivo a camelia na moda e a alta costura.