O Plan Revitaliza chegará á India da man da Fundación Vicente Ferrer para espallar o modelo de tratamento de residuos de kilómetro cero
A Deputación acolleu hoxe unha mesa de experiencias na que se subliñou a importancia de separar os residuos en orixe para que non se volvan un “problema monstroso” en países que teñen por desenvolver o consumo
18/10/2022
O modelo do Plan Revitaliza vai chegar á India. E farao grazas ao coñecemento que a Deputación vén de trasladar á Fundación Vicente Ferrer para aplicalo no programa ‘Maana Bhoomi’, unha iniciativa de cooperación grazas á que se facilitou vivenda a 34 familias rurais no distrito de Kurnool, e pola que agora se darán nocións de compostaxe para que estas xestionen os seus propios biorresiduos. O proxecto poderase estender no futuro a outros territorios nos que teña actividade a Fundación.
Esta expansión do modelo Revitaliza foi anunciada hoxe na xornada organizada polo departamento da Deputación e a Fundación Vicente Ferrer, financiada da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, á que acudiron representantes de concellos galegos e tamén alumnado dos ciclos da Escola de Capataces Forestais de Lourizán.
O vicepresidente Mosquera explicou que o intercambio de coñecemento é fundamental para que territorios con grande poboación como a India, nos que o nivel de consumo está aínda por desenvolver, non cometan os erros que xa se viviron noutros lugares durante moitos anos e que produciron que os residuos hoxe en día sexan posiblemente o maior problema do planeta, incluso comprometendo o seu futuro.
Segundo o nacionalista, no relativo aos residuos é preciso aplicar dúas máximas: que os residuos deben ser responsabilidade de quen os produce, e que estes, separados, son un recurso, pero mesturados para logo tratalos –como acontece nos países occidentais na actualidade- son un problema que ten mala e moi contaminante solución.
“Todos os residuos que se poidan tratar ‘in situ’ na comunidade, que as persoas se fagan cargo e o ciclo se remate no mesmo lugar que se producen, convértense nunha riqueza. Sexa aquí, na India ou Thailandia ou EEUU os residuos hai que separalos e se non se separan son un problema monstruoso que no sur de Asia se multiplica pola súa elevada densidade de poboación”, subliñou.
A delegada da Fundación Vicente Ferrer, María Moldes, explicou pola súa banda que o proxecto ‘Maana Bhoomi’ permitiu a 34 familias na India –coas que se fixo unha conexión por zoom- dispoñer de vivendas dignas escrituradas a nome das mulleres, o que cambiou o seu rol na sociedade, e pretende desenvolver e mellorar iniciativas de compostaxe.
Apuntou que na India comezouse a traballar na xestión dos residuos e a concienciación ambiental da poboación porque se partía dunha concienciación nula nun lugar onde non hai infraestrutura: “o que se fai cos residuos é queimalos”. Destacou que “temos moito que aprender da Deputación de Pontevedra, que leva unha xestión de residuos exemplar co Plan Revitaliza. O noso obxectivo é ver como nos adaptamos para solucionar un problema global de maneira local e facer esa transferencia de coñecemento uns aos outros e construír un planeta máis sustentable para todos”, finalizou.
Axenda 2030
A presidenta Carmela Silva abriu a xornada poñendo en valor o traballo desde o mundo local no establecemento de redes de cooperación á hora de abordar a Axenda 2030 da ONU, en concreto o ODS número 17 para a creación de alianzas no cumprimento destes Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. “Falamos de proxectos que se están a desenvolver en lugares tan separados quilometricamente pero tan cerca desde o punto de vista dos valores que defenden”, apuntou.
Neste senso, destacou a colaboración con institucións como a Fundación Vicente Ferrer e o Fondo Galego de Cooperación que, xunto á Deputación, están entre as entidades que “xa levaban traballando tempo na procura destes obxectivos cando aínda non estaban no marco político da toma de decisións”, citando como exemplo os plans de compostaxe desenvolvidos pola fundación na India e o Plan Revitaliza, “co que nos adiantamos meses á Axenda 2030”.
”Traballamos desde o local para ter un compromiso co medio cunha forma diferente e respectuosa de tratar os residuos que constrúe comunidade, pero amais é un modelo que se está a seguir en moitos lugares e que poñemos en común para seguir establecendo redes”. “O Revitaliza é un exemplo a seguir –concluíu-, e para a Deputación é enormemente importante seguir establecendo esa relación que estamos a facer con moitos lugares do mundo e que converte nunha referencia de boas prácticas”.
Pola súa banda, o presidente do Fondo Galego de Cooperación Juan González, entidade grazas á que se financia o proxecto ‘Maana Bhoomi’ na India, subliñou que o Fondo está formada por máis de 100 administracións –entre as que está a Deputación- que permiten achegar fondos para cooperar con países pouco desenvolvidos. “Que mellor para falar de xestión de residuos que a administración que máis e mellor sabe, a Deputación”, finalizou.