A Deputación realizará a vixilancia, inspección e control dos residuos en doce concellos da provincia grazas ao corpo provincial do Revitaliza

O servizo comezará a funcionar nos primeiros meses de 2023 co obxectivo de cumprir a normativa reciclaxe, evitar sancións e “e ter sensibilidade co planeta que habitamos”, segundo o vicepresidente Mosquera

28/10/2022

Pleno

A Deputación de Pontevedra vai encargarse da vixilancia e inspección do lixo en establecementos, entidades ou empresas xeradoras de residuos en doce concellos da provincia grazas ao corpo provincial do Revitaliza: Barro, Meis, Silleda, a mancomunidade do Morrazo (Bueu, Moaña e Cangas), A Guarda, O Rosal, Tomiño, Salceda de Caselas, A Cañiza e As Neves.

O servizo comezará a funcionar nos primeiros meses de 2023 co obxectivo de cumprir a normativa vixente de reciclaxe, evitar sancións e “e ter sensibilidade co planeta que habitamos”, segundo explicou hoxe o vicepresidente César Mosquera. O nacionalista salientou que a Deputación tomou a iniciativa de crear este corpo provincial para axudar aos concellos porque xa hai anos que deberían ter acadado as porcentaxes marcadas tanto pola normativa galega, estatal e europea.

O corpo de persoal inspector estará formado por funcionarios provinciais, que serán os encargados de identificar posibles incumprimentos e riscos ambientais asociados á actividade de negocios e empresas, mais en ningún caso en domicilios particulares. Deberán realizar exames e  controis periódicos, incluso realizando gravacións de imaxes, para levantar actas que poderán dar lugar a expedientes sancionadores.

O obxectivo será certificar que os residuos xerados se entregan axeitadamente a xestores autorizados -ou ao sistema do Concello ao que estean adheridos-, e ver que cumpren as ordenanzas municipais e a normativa vixente no referido ao tratamento das diferentes fraccións: papeis, metais, plástico e vidro e, fundamentalmente, aos biorresiduos, que deben recollerse de maneira separada dende o pasado 30 de xuño.

Para o vicepresidente provincial César Mosquera, é momento xa de cumprir as leis ambientais, que en moitos casos foron “obviadas”. “Os obxectivos de reciclaxe están fixados hai anos e ninguén se deu por concernido nin o tomou en serio. Este tema é complexo, non tanto como por exemplo o saneamento das augas-, pero hai que abordalo. Nós dende a Deputación ofrecemos unha solución pioneira que é o corpo provincial de inspección”, subliñou. Neste sentido, destacou a súa esperanza en que unha vez comece a actividade do corpo –que inicialmente se plantexa por seis anos- “se noten os resultados” de reciclaxe practicamente de maneira inmediata.

Aberto o prazo para adherirse

O vicepresidente Mosquera subliñou que o corpo provincial de vixilantes de residuos segue “un proceso aberto”, polo que outros concellos da provincia poderán incorporarse no futuro se o consideran beneficioso. Destacou que para a posta en marcha e a viabilidade do servizo provincial era necesario sumar alomenos 60.000 habitantes na provincia, cifra que se superou amplamente ata os 123.685 persoas.

O custe inicial do servizo para a Deputación de maneira anual será de 369.220,14 euros, contemplándose inicialmente un ou unha vixilante por cada 20.000 habitantes. A cantidade económica que deben abonar os concellos deberá ser de tres euros multiplicados polo seu número de habitantes, mais estará bonificada nun 70% para os concellos adheridos, que só deberán achegar o 30% dos custes reais da actividade do corpo.

En canto aos prazos, o Pleno provincial aprobou hoxe a encomenda de xestión por parte dos concellos –xa aprobada previamente en cada municipio- e en breve asinaranse os convenios de colaboración bilaterais. Paralelamente porase en marcha o proceso selectivo do persoal, que podería comezar a exercer as súas funcións nos meses de febreiro marzo. Inicialmente a súa actividade sería fundamentalmente divulgativa.

Ter un servizo de inspección, vixilancia, control e sanción é unha obriga específica para os concellos recollida na Lei de Residuos estatal 7/2022.

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 15 resultados.