O Museo de Pontevedra entra na “Champions dos museos” recollendo en Madrid as distincións que o acreditan coa Q de Calidade e o S de Sustentabilidade turística do ICTE

Renovan a “Q” o Castelo de Soutomaior, as oficinas de información turística da Deputación no Palacete das Mendoza, aeroporto de Vigo e mosteiro de Armenteira, e as oficinas da rede Info Rías Baixas que xa a tiñan conseguido

20/01/2023

Premios ao Museo

O Museo de Pontevedra, da man da presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera e o director Xosé Manuel Rey, recolleu na noite de onte na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles en Madrid as distincións concedidas polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) pola súa calidade e sustentabilidade, converténdose así na primeira entidade museística do Estado que recibe a un tempo ambos recoñecementos oficiais.

Logo de recoller os galardóns na gala da ‘Noite Q 23’, presidida pola Ministra de Turismo Reyes Maroto e o presidente do ICTE Miguel Mirones, o vicepresidente da Deputación César Mosquera asegurou que recibir as distincións do ICTE supón entrar a “xogar na ‘Champions dos museos’ na que o Museo de Pontevedra tiña que xogar desde sempre”.

Segundo destacou Mosquera, os distintivos poñen ao Museo de Pontevedra “á altura do Thyssen ou do Guggenheim”, que son os únicos que teñen o Q de calidade en España, mais aínda non dispoñen do S de sustentabilidade. En Galicia, explicou o responsable do Museo, ningunha entidade semellante ten ningún dos recoñecementos, mentres que a maneira de funcionar do Museo de Pontevedra en canto a calidade e sustentabilidade pasou a inspección e a avaliación  do ICTE “sen ningún problema e coas máximas notas”.

“Estamos moi contentos, avanzando na liña de converter o Museo de Pontevedra publicamente no que xa é internamente, de darlle esa potencia e recoñecemento público que merece e no que seguiremos a traballar. (...) O Museo está a funcionar moi ben e iso ten que trascender”, dixo Mosquera.

Así mesmo, o vicepresidente augurou que 2023 será un ano moi frutífero para o Museo de Pontevedra tanto pola incorporación de Santa Clara, como tamén pola rehabilitación dos edificios centrais, que  xa está en contratación. Comézanse así, dixo, “a recoller froitos dun traballo que se comezou hai uns anos. Antes hai toda unha historia que recoñecer, pero a idea central é que o Museo ten unha potencialidade que non se estaba aproveitando na súa totalidade e isto -os premios que acabamos de recibir- demóstrao”.

Logo do acto de Madrid, a celebración da ‘Q’ e do ‘S’ do ICTE seguirá na cidade do Lérez o vindeiro martes  24 cun acto de conmemoración no que haberá música e audiovisuais. Será ás 19.30 horas no Edificio Castelao e contará coa actuación musical do grupo Mallou, coa proxección dun audiovisual sobre o traballo do Museo, con discursos institucionais, así como coa participación de representantes da restauración e hostalería que dispoñen tamén do galardón da ‘Q’ de calidade na cidade de Pontevedra: Ultramar, Eirado da Leña e Parador de Turismo. Para poder asistir como público é preciso inscribirse en reservas.museo@depo.gal.

Ao logro conseguido polo Museo de Pontevedra súmase tamén a renovación do galardón para o Castelo de Soutomaior e as oficinas de Turismo Rías Baixas no Palacete das Mendoza en Pontevedra, no Punto de información turística de Armenteira en Meis, e no Aeroporto de Peinador en Vigo. Tamén renovaron a Q oficinas da rede Info Rías Baixas como a da Estrada, a do porto deportivo de Sanxenxo, a de Caldas de Reis, a da Casa da Bola en Cangas, a de Cambados, a de Baiona, a das Dunas de Gaifar en Nigrán ou a do Casal de Ferreirós en Poio, así como os puntos de información turística da Illa de Arousa e de Cuntis.  

“Sport Rías Baixas. Siente la experiencia”

No marco do I Fitur Sport Tourism Summit, no pavillón 10 do IFEMA, o deputado de deportes Gorka Gómez tivo a oportunidade de presentar o modelo impulsado pola institución provincial no eido deportivo, escollido por Fitur como exemplo de boas prácticas a nivel estatal. “Trátase dun  modelo que se ten convertido nun exemplo de éxito que nos ten situado como referencia na organización de eventos, no turismo activo e no turismo deportivo”, asegurou o deputado. Durante a presentación lanzouse o audiovisual “Sport Rías Baixas. Siente la experiencia”, unha peza na que se presentan diferentes escenarios da provincia ideais para a práctica de disciplinas deportivas relacionadas coa auga e a montaña. O vídeo, que espertou grande interese, amosa en tres minutos un destino onde deporte, paisaxe, experiencias e gastronomía converten á provincia no lugar ideal para as persoas que se decantan polo turismo activo.

Deportes como a vela, o piragüismo, o paddle sur, o kitesurf, o submarinismo, o rafting, as traiñeiras, a escalada, a btt ou o running en espazos como o porto deportivo de Vigo e a súa Ría, a Ría de Aldán, a Costa da Vela, a Caracola de Donón, o Río Miño ao seu paso por Arbo, a praia de Liméns en Cangas, a praia da Lanzada no Grove, o río Lérez ao seu paso por Pontevedra ou Punta Cabalo na Illa de Arousa son os protagonistas da peza “Sport Rías Baixas. Siente la experiencia”. “Trátase de vivir unha experiencia integral nun paraíso natural cunhas condicións extraordinarias para o turismo activo e a practica deportiva”, destacou Gorka Gómez quen resaltou as características da provincia “para ser unha potencia en turismo deportivo”, entre as que situou a propia natureza, o clima suave, a ampla gama de actividades e deportes que se ofertan, o sector profesionalizado de deportes e turismo activo e a experiencia de albergar grandes acontecementos deportivos. Amais, o deputado tamén presumiu de “talento local”, poñendo en valor figuras olímpicas como Teresa Portela, Antía Jácome, Nico Rodríguez, Tamara Echegoyen ou Rodrigo Corrales, e convidou ao público presente a “achegarse ata a provincia para vivir experiencias enriquecedoras, desfrutar da ampla oferta que temos de deporte ao aire libre, sostible e de calidade, e sentir a hospitalidade das nosas xentes”.

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 13 resultados.