“Aquí está o futuro de Santa Clara”

A Deputación recibiu en tempo e forma os cinco anteproxectos das equipas finalistas  para rehabilitar o convento, que se presentaron baixo lema, e se abrirán luns cando se constitúa o xurado

26/05/2023

Anteproxectos das equipas finalistas  para rehabilitar o convento Santa Clara

“Aquí está o futuro de Santa Clara”. Así o dixo hoxe o vicepresidente César Mosquera ao amosar a documentación dos cinco anteproxectos aspirantes para rehabilitar o  convento das clarisas e convertelo en parte do Museo de Pontevedra. Todas as equipas finalistas (as firmas Nieto Sobejano, Kengo Kuma, a UTE David Chipperfield-Carlos Seoane, Kaan, e a UTE Snohetta-Alfonso Penela) entregaron a documentación en tempo e forma esta semana e agora abrirase o proceso de deliberación do xurado para escoller a proposta gañadora.

Os traballos recibíronse na Deputación  tanto por vía dixital como fisicamente (en total pesan máis de 20 quilos), e de maneira anónima baixo lema, xa que o xurado non pode coñecer nada sobre as equipas autoras. As lendas elixidas foron ‘Revelación’, ‘Abrente’, ‘ Piedra y madera’, ‘Verbas da Pedra’ e ‘Os inicios’.

“Hoxe queriamos resaltar que todas –as aspirantes- se presentaron (...). Aí dentro, neses paneis, está o futuro de Santa Clara, e cos pasos que estamos a dar segue o proceso a toda velocidade e en orde para ver o conxunto rehabilitado no menor prazo posible. Todos os pasos están indo moi ben. Podería terse dado o caso de que alguén non se presentase pola complexidade ou porque tiña outros traballos, pero presentáronse todos”, subliñou o vicepresidente.

Luns constituirase o xurado e abriranse os sobres, e os días 5,6 e 7 da vindeira semana as persoas integrantes do tribunal reuniranse “sen fin”, destinando as horas que sexan necesarias para facer a proposta de adxudicación. Despois, a equipa gañadora iniciará a redacción do proxecto definitivo, que debería estar listo a finais de ano.

En canto ao financiamento para as obras, o vicepresidente Mosquera sinalou que non houbo ningunha reclamación na modificación de crédito aprobada en Pleno recentemente, polo que subliñou que hai sete millóns de euros máis na Deputación consignados para realizar a reforma.

“Seguiremos avanzando no financiamento. O presidente da Xunta dixo que non querían quedar fóra disto, pero aínda non temos comunicación oficial, igual que do Ministerio de Cultura. Intentaremos que colaboren outras administracións, pero nós seguimos a cumprir cos nosos compromisos e a avanzar”, salientou.

A presidenta provincial Carmela Silva destacou, pola súa banda, a importancia da recepción dos anteproxectos “ademais de polo simbólico, porque todos os que tiñan a posibilidade de presentar propostas fixérono”, o que demostra que “hai unha enorme expectativa sobre o cambio transcendental polo que vai pasar Santa Clara”.

Na mesma liña, Carmela Silva incidiu que entre estes anteproxectos non só está o futuro do convento, tamén está “o futuro do Museo de Pontevedra, porque vamos situalo de novo no centro dos museos de Europa”. Tamén quixo aproveitar a oportunidade para felicitar a todas as persoas que están traballando para facer realidade esta transformación pola súa “eficiencia e eficacia. Estou desexando que chegue o día 7 para que saibamos máis sobre o futuro do convento”, subliñou. 

O xurado

O xurado que se constituirá luns e estudará os anteproxectos para escoller o mellor deseño para Santa Clara estará formado por especialistas fundamentalmente relacionadas coa arquitectura e a museoloxía. Como presidente do xurado estará o director do Museo Xosé Manuel Rey, e como vogais a xefa de xestión do Museo Sonia Mateos, o secretario da Deputación Carlos Cuadrado, a xefa e tamén unha arquitecta do servizo provincial de Arquitectura Mª Carmen Gómez e Sara Piñón.

Por designación da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta estará Belén Suárez –xefa do servizo de Arquitectura na delegación en Pontevedra-, polo Concello de Pontevedra Rosa Magdalena Fernández, e polo COAG, Jesús Irisarri Castro.

As persoas arquitectas de recoñecido prestixio designadas pola Deputación son, Teresa Táboas, que tamén está no Consello Asesor do Museo, e Gonçalo Byrne, presidente da Orden dos Arquitectos de Portugal. A persoa designada polos seus coñecementos específicos en Museoloxía é Pilar Fatás, directora do Museo Nacional e Centro de Investigación de Altamira en Cantabria. Como secretario actuará o xefe do servizo de Contratación provincial, Pablo Montero.

Galerias de imaxes

videos

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 13 resultados.