A Deputación reforza a súa colaboración coa Universidade de Vigo para promover a formación e especialización do seu alumnado

A institución provincial impulsará coa UVigo proxectos en materia de mobilidade estudantil, para persoal investigador e para a promoción do Campus CREA

24/05/2023

Novos Recursos para UVigo

A Deputación vén de destinar 210.000 € á Universidade de Vigo para, en palabras da presidenta Carmela Silva, “fomentar o coñecemento, favorecer unha mellor atención ao alumnado á investigación e a grandes proxectos que permiten referenciar á universidade”. A presidenta provincial, que lembrou a importancia de que “as administracións se poñan de lado das universidades”, remarcou que os recursos servirán para promocionar a mobilidade internacional do estudantado dos campus de Pontevedra e Vigo, así como para o desenvolvemento de proxectos promovidos por persoal investigador e para o proceso de especialización do Campus CREA.

Desta maneira a Deputación destinará 100.000 € para a promoción da mobilidade do alumnado dos campus de Pontevedra e Vigo, recursos que servirán para completar o financiamento de 100 bolsas de mobilidade para o curso 2023-2024, cada unha dotada con 1.000 €. “Na situación actual, coa pandemia ou a suba de prezos e as dificultades que estamos atravesando, moitas familias teñen moi difícil poder aportar recursos para que as súas fillas e fillos poidan facer estas mobilidades, fundamentais para acadar unha educación máis global e máis ampla”, sinalou Carmela Silva. Porén, as axudas buscan contribuír a que o alumnado poida realizar os seus estudos en países estranxeiros, garantindo unha maior participación nestes programas grazas á posibilidade de acceder a un financiamento maior para as súas estadías nas universidades estranxeiras. Ademais, axudarán á súa formación integral e á súa adaptación ás esixencias do mercado laboral a escala comunitaria e extra-comunitaria xa que 80 das 100 bolsas súmanse ás do programa Erasmus+Estudos que xestiona a UVigo para realizar estadías en países da Unión Europea, e as 20 restantes reforzarán as bolsas propias da universidade, as axudas ISEP e o programa GE4 para estudantes de Enxeñería, para completar os seus estudos en países extra comunitarios. 

Programa de axudas para persoal investigador

A Deputación tamén vai destinar outros 80.000 € á UVigo para poñer en marcha un programa de axudas para o desenvolvemento de iniciativas investigadoras promovidas polo persoal investigador dos campus de Vigo e Pontevedra. O programa busca apoiar investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia e ao coñecemento da súa realidade, así como a especialización do Campus de Pontevedra- Campus CREA o que, segundo Carmela Silva, permitirá “que os e as investigadoras sigan avanzando en algo que é fundamental xa non no futuro, senón no presente, como son a ciencia e a investigación”.

Desta maneira, financiaranse proxectos relacionados cos ámbitos socioeconómicos máis propios da provincia, cun máximo de dous por liña e un custe máximo por proxecto de 7.900 euros, dentro das seguintes liñas: no ámbito das ciencias, nas de biodiversidade e conservación de hábitat e a agrobioloxía ambiental (calidade, solos e plantas); no das ciencias da saúda nas liñas de investigación en novas estratexias de prevención e promoción de saúde e na medicina e saúde pública (promoción e educación para a saúde), e no ámbitos das ciencias sociais na economía, sociedade e territorio, concretamente nos estudos demográficos. Esta convocatoria, ademais, quere contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación no sistema universitario de Galicia, polo que se terá en consideración o peso relativo das mulleres nas propostas presentada.

Especialización do Campus CREA

Ademais, a Deputación tamén vai achegar 30.000 € ao financiamento do proceso de especialización do Campus CREA, promovendo a realización conxunta de actividades e actuacións para contribuír á consecución dos obxectivos marcados no seu Plan Estratéxico. O Campus CREA pretende dotar ao campus de Pontevedra dunha maior singularidade e especialización en base ás súas vantaxes competitivas e aglutina baixo unha mesma identidade e imaxe de marca todas aquelas áreas de coñecemento nas que o campus ten experiencia e capital humano. Ademais, representa un campus dinámico e conectado coa súa contorna, mediante o establecemento de sinerxías e liñas de actuación conxunta entre a UVigo e o tecido empresarial, económico, social e cultural da provincia e as Administracións públicas. En concreto, a colaboración está destinada a financiar a divulgación do Programa de Doutoramento CREA da Universidade de Vigo, á promoción e organización de eventos culturais e deportivos no Campus de Pontevedra ao abeiro de CREA e á promoción e organización de proxectos colaborativos entre o Campus da Boa Vila e as entidades empresariais provinciais.

audios