Deputación e Universidade de Vigo celebran a creación da Facultade de Enfermaría na provincia de Pontevedra

A facultade será unha realidade no curso 2024/25 tras anos de reclamacións, e a institución provincial “porá unha alfombra vermella” con todas as facilidades e financiamento

27/04/2023

Reunión Escola Enfermería

A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo abordaron hoxe a proposta de creación da futura Facultade de Enfermaría, unha gran demanda da institución provincial que por fin será unha realidade e coa que a Escola de Enfermaría de Pontevedra, ao igual que as de Meixoeiro, en Vigo, e Ourense, pasarán a formar parte ao 100% da Universidade a partir do curso académico 2024/2025. O Pazo provincial acolleu un encontro no que participaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e mais o reitor da Universidade, Manuel Reigosa, co fin de avanzar na aspiración de integrar as tres escolas de enfermería adscritas á Universidade de Vigo como centros propios da Universidade. A proposta xa foi aprobada no claustro da Universidade e debaterase mañá venres no seu Consello de Goberno.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que “isto é posible grazas á suma de vontades da Universidade de Vigo, a Deputación de Pontevedra, a dirección, profesorado e alumnado da Escola de Enfermería e a Xunta”, que, sinalou, “traballaremos xuntas e xuntos no percorrido que queda para que no curso 2024/25 comece a funcionar esta Facultade de Enfermería, cuxa creación é fundamental para a nosa provincia”. Para iso, a presidenta provincial asegurou que “imos poñer unha alfombra vermella, dando todas as facilidades, e seguiremos financiando a Escola ata que finalice todo o proceso de creación e de posta en marcha”, que non rematará no primeiro curso como facultade senón que tardará aínda uns tres ou catro anos, “porque cremos que temos que poñernos a carón da Universidade e traballar coa Xunta para conseguir algo tan importante e que a fin de contas é para o ben común”. “Todo o que nos formule a Universidade vai ter un si como resposta”, asegurou.

Carmela Silva asegurou que “sen o reitor da Universidade de Vigo isto non sería posible”. A presidenta lembrou o encontro mantido en 2019, “coa firma decisión de que a Escola pasara a formar parte de forma real da Universidade”, momento no que “xa quedou claro que isto non sería un intento máis senón que de verdade había un compromiso: desde ese día sabía que isto chegaría a ser unha realidade pero cría que tería un camiño máis longo”. A presidenta da Deputación puxo o foco na importancia deste fito, xa que “esta administración non ten nin competencias nin unha estrutura educativa para que a escola se siga fortalecendo”, polo que a alegría é dobre porque non só “exercerá as competencias e a dirección a administración á que lle corresponde”, senón que ademais “o profesorado e o alumnado terán máis calidade educativa, será unha facultade de primeira e a dirección da Universidade poderá tomar moitas decisións que melloren máis a súa formación, que xa é de excelencia”.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asegurou que “queremos que o alumnado pase a ser 100% da Universidade e polo tanto poida participar ao 100% na vida universitaria e non dun xeito vicario”, e sinalou, por exemplo, que na actualidade non poden escoller a reitoría. O proceso de creación da Facultade “é longo, pero todas as partes implicadas estamos comprometidas e na Universidade levamos tempo traballando para a implantación do máster de enfermería que permitirá que o inicio da facultade en 2024/25 sexa non só co grao único senón tamén xa con este mestrado”. Ademais, a UVigo tamén está traballando “na aspiración de ter un programa de doutoramento propio para que a facultade inclúa todos os títulos posibles de formación docente e investigadora de gran calidade”. Tamén, durante o período de adscrición directa, “poremos en marcha un programa de formación para que o persoal marabilloso deste centro acade o título de doutor/a e competencias en investigación”, sinalou Manuel Reigosa.

Polo tanto, asegurou o reitor, “o futuro desta facultade vai ser moito mellor, aspiramos a que poidamos presumir xa desde o primeiro día das titulacións ofertadas e temos unha gran satisfacción porque todas as institucións deron o seu visto bo ao procedemento, fixémolo no prazo previsto e será moi bo para o país, porque en todo o sur galego non había unha facultade de enfermaría”. Do mesmo xeito, Reigosa agradeceu a Deputación “pola súa xenerosidade” e sinalou os vindeiros pasos administrativos que se teñen que dar antes da creación da facultade: mañá abordarase no Consello de Goberno da Universidade, “onde agardo que teña o mesmo resultado que no claustro, aprobado por unanimidade”, e posteriormente debaterase no Consello Social e no Consello Galego de Universidades. “Estamos dando os últimos pasos e no curso 2024/25 teremos xa alumnado matriculado para o grao e o máster”, asegurou o reitor.

Galerias de imaxes

videos

audios