A Deputación aposta pola transformación da provincia coa aprobación de 650.000 euros en novas achegas á cultura e ao sector turístico
O Goberno deu luz verde a 550.000 euros que servirán para financiar actividades culturais e festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas
27/02/2022
A Deputación de Pontevedra volveu a poñer de manifesto o seu compromiso coa cultura e o turismo, dous dos eixos estratéxicos da xestión do goberno provincial, trala aprobación en Xunta de Goberno das bases de subvencións nestes eidos por valor de 650.000 euros, que serán concedidos mediante concorrencia competitiva. Neste senso, o órgano provincial deu luz verde a 550.000 euros para entidades sen fins de lucro de carácter cultural e a outros 100.000 euros para financiar actividades de carácter turístico. En definitiva, “unha Xunta de Goberno que aposta e financia a transformación da provincia de Pontevedra” asegurou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
A cultura “é un eixo prioritario da administración provincial e non esaxero se digo que somos a administración que ten o programa e o modelo cultural máis avanzado de toda Galicia”, sentenciou Carmela Silva. Neste senso, a Deputación aprobou 250.000 euros que terán como finalidade sufragar actividades culturais das asociacións da provincia tan diversas como ciclos culturais, exposicións, encontros literarios ou xornadas arqueolóxicas. Con esta partida a institución provincial aposta por mellorar a calidade de todas as manifestacións culturais, en especial as dirixidas á reivindicación do patrimonio material e inmaterial, contribuíndo así á difusión, ao mantemento e recuperación da cultura e das tradicións.
A Xunta de Goberno tamén puxo o foco nos festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas que se celebran na provincia de Pontevedra. Para os primeiros aprobou unha achega de 150.000 euros da que se verán beneficiados os eventos integrados na marca Rías Baixas Film Fest “que deu identidade e acubillo aos festivais de cinema” como o Festival de Cans (O Porriño), Festival de Cine Inclusivo (Vigo), o Galician Freaky Film Fest (Vigo), Primavera do Cine (Vigo), FICBUEU (Bueu), PLAY-DOC (Tui), Curtas Festival do Imaxinario (Vilagarcía) e Novos Cinemas (Pontevedra).
Do mesmo xeito, foron aprobados outros 150.000 euros cos que as entidades sen fins de lucro poderán levar a cabo festivais musicais e de artes escénicas. Estes fondos permiten que “a Deputación de Pontevedra financie as grandes actividades culturais que se desenvolven en varios dos concellos da provincia” como o Canteira Fest, o IKFEM – Festival de Teclado da Eurocidade Tui-Valença, o Festival Internacional de Jazz de Cangas ou o Festival Internacional de Títeres de Redondela.
Ademais, a Xunta de Goberno provincial deu luz verde a 100.000 euros cos que as entidades da provincia poderán financiar actividades de carácter turístico que poñan en valor os recursos da provincia á vez que promoven o consumo no sector turístico nos concellos que se celebran.