Nadal “estratosférico” para o turismo da provincia, cunha ocupación media do 66% que duplica os resultados do ano anterior

Carmela Silva: “Síntome moi satisfeita, alégrome moito polo sector, pola economía que xera e polos postos de emprego que se crearon”

13/01/2023

“Os datos que o noso observatorio de turismo ten analizado tralas datas de Nadal non poden ser mellores” manifestou a presidenta da Deputación Carmela Silva ao facer balance dos resultados “estratosféricos” do sector na provincia entre o 24 de decembro e o 8 de xaneiro. A ocupación media en establecementos hoteleiros provinciais superou o 66%, duplicando os datos turísticos do Nadal anterior. “Síntome moi satisfeita –asegurou a presidenta-. Alégrome moito polo sector, pola economía que xera e polos postos de emprego que se crearon”.

“O noso obxectivo, cando comezamos a gobernar na Deputación - fará en agosto 8 anos-, era desestacionalizar o turismo e hoxe podemos afirmar que o temos conseguido, que temos visitantes ao longo de todo o ano e que os datos son mellores ano tras ano”, manifestou Carmela Silva. “Acadar unha media do 66% no Nadal na provincia é unha cifra moi importante, non podemos esquecer que antes era unha época na que se pechaban moitos establecementos”, indicou.

Por comarcas a de Vigo superou o 80% de ocupación hoteleira en establecementos hoteleiros no Nadal, o Salnés o 62%, a comarca de Pontevedra o 60%, O Morrazo o 55%, as comarcas de Deza e Terra de Montes o 54%, as comarcas de Caldas, O Condado e A Paradanta o 52% e o Baixo Miño o 50%. En canto aos concellos turísticos, Vigo rexistrou o 90% e mesmo o 100% durante as fins de semana, Sanxenxo o 70%, O Grove o 68%, Pontevedra o 60% e Baiona o 60%.

En canto ao turismo rural as cifras acadadas este Nadal duplican, ao igual que aconteceu cos establecementos hoteleiros, ao anterior, cunha porcentaxe media que rozou o 40%. Neste caso a comarca de Pontevedra superou o 50% de ocupación, a de Vigo o 45%, a comarca de Caldas o 43%, O Morrazo o 40% e as comarcas de  Deza e Terra de Montes o 25%.

En canto ás vivendas turísticas da provincia a porcentaxe de ocupación media situouse preto do 70% destacando, neste tipo de aloxamentos, a cidade de Vigo, cunha ocupación que rozou o 95%. “Trátase dunha media altísima –asegurou a presidenta- similar á que por exemplo podemos acadar en xuño cando comeza a época turística máis potente”.

As cifras turísticas “estratosféricas” reflectíronse tamén nas visitas ao Castelo de Soutomaior, onde se rexistraron 1.000 visitantes máis que no Nadal do 21. En total achegáronse ata o recinto histórico 2.500 persoas das cales 1.500 percorreron os seus xardíns e preto de 1.000 visitaron a musealización do Castelo.

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.