O Museo reúne a obra de catro artistas vinculados a Pontevedra arredor dun texto de Manuel Lourenzo

‘Había outra vez...’ xunta as creacións de Belén Padrón, Itziar Ezquieta, Manolo Figueiras e Xosé Carlos Seoane, nunha mostra organizada co Concello de Pontevedra e O Salón do Libro

18/04/2023

Museo de Pontevedra previa exposición Había outra vez

O Museo de Pontevedra únese á celebración do XXIV Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra coa apertura da exposición ‘Había outra vez...”. Arredor dun texto de Manuel Lourenzo González, homenaxeado nesta edición do Salón, xúntase a obra de catro artistas ligados á cidade: Belén Padrón, Itziar Ezquieta, Manolo Figueiras e Xosé Carlos Seoane. A exposición ábrese este sábado 22 de abril ás 12:00 horas e poderá visitarse ata o 21 de maio no Edificio Castelao.

Belén Padrón (Oviedo, 1976), Itziar Ezquieta (A Coruña, 1975), Manolo Figueiras (México D.F., 1967) e Xosé Carlos Seoane (Ourense, 1967)  exhiben as súas pinturas, de diferentes inspiracións, estilos e técnicas, nunha mostra que busca vertebrar un discurso unificado e coherente a través dun diálogo cruzado altamente suxestivo.

Constelaria, Roxonomía, Fractalismo e Arqueografía son as palabras que cada un elixiu para os seus cadros. Son tamén o punto de partida dun relato inserido no catálogo, obra de Manuel Lourenzo González (Vilaboa, 1965). O texto narra a enigmática viaxe dun mozo que se ve obrigado a camiñar por un escenario de rúas labirínticas á busca de sinais que lle proporcionen a clave para saír e recuperar a súa vida e o seu pasado; unha viaxe que fornece desde a literatura, a modo de xogo, fíos que consolidan esa converxencia da obra artística plural.

Así comeza o relato de M. Lourenzo: “O Visitante espertou, cando apenas abría o día, no medio a me­dio da praza. Era un espazo cuadrangular, non moi amplo, no que confluían catro rúas perfectamente perpendiculares, sen dúbida obedecendo a unha planificación previa. O pavimento, de pedra xaspeada, reflectía un ceo baixo, case opresivo. Soidade e silencio en derredor, só o Visitante no centro, coa súa pequena mochila de coiro desgastada e o corpo magullado pola dureza do chan e o frío da noite”.

A exposición está organizada en colaboración co Concello de Pontevedra e o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que do 21 de abril ao 7 de maio celebra a súa 24ª edición. Ten como tema o xogo e homenaxea ao propio Manuel Lourenzo, autor do texto que serve de fío condutor da exposición. 

Galerias de imagenes