O Museo de Pontevedra e o Museo Nacional de Poznan colaborarán para facer exposicións cruzadas e estudar máis a fondo os cadros espoliados polos nazis

A viaxe da delegación pontevedresa a Polonia para a restitución do díptico de Bouts comezou hoxe cunha recepción do director do museo polaco, que se amosou “conmovido” pola boa disposición da Deputación

16/03/2023

Museo de Pontevedra e o Museo Nacional de Poznan colaborarán en exposicións

O Museo de Pontevedra e o Museo Nacional de Poznan colaborarán para investigar científicamente a orixe e percorrido do díptico de Bouts espoliado polos nazis atopado en Pontevedra e abren a posibilidade de realizar exposicións intercambiando fondos. Así o acordaron hoxe os directores de ambas institucións, Xosé Manuel Rey e Tomasz Lecki, na visita que fixo a delegación da Deputación e o Museo provincial á pinacoteca polaca.

Na recepción, que é un acto previo á ceremonia de devolución dos cadros ao seu lugar de orixe -o Castelo de Goluchow- que terá lugar mañá, participaron o vicepresidente provincial e responsable político do Museo, César Mosquera, así como tamén a responsable do departamento provincial de Memoria Histórica María Ortega e o deputado de Economía Carlos López Font. Pola parte polaca, estiveron, ademáis do director do Museo, Martyna Zurastewic directora científica, e a responsable do departamento de Educación, Kataryna Gradowska, xunto a outro persoal técnico.

Tomasz Lecki manifestouse conmovido pola restitución dos cadros de Bouts e subliñou que parte da equipa do seu Museo incluso chorou de alegría cando soubo que as táboas volverían á súa localidade de orixe. Agradeceu a custodia e coidado do díptico realizada polo Museo de Pontevedra e subliñou que en Polonia sería estraño ter aprobado a devolución por unanimidade –incluso co voto a favor da oposición política-. Salientou que a “guinda á nobreza da restitución é que unha delegación da Deputación se trasladase a Polonia”, algo que ao seu entender, “amosa a importancia que se dá ao acto”.

O responsable polaco lanzou a luva de afondar na colaboración entre institucións e estreitar relacións, e destacou o interese do Museo de Poznan en continuar o estudo científico dos cadros, indicando o amplo coñecemento que ten das pezas o Museo de Pontevedra. Por outra banda, sinalou que aínda que Polonia e España son moi diferentes, existen similitudes e incuso no Museo de Poznan ten tamén unha grande colección de arte española.

O director do Museo de Pontevedra José Manuel Rey confirmou o seu interese por aumentar o vínculo entre os dous territorios e que unha vez que finalice oficialmente a restitución do díptico “non se pechen portas, senón que se abran máis, e haxa máis colaboración institucional no futuro”. Destacou, de feito, que todo o persoal do Museo provincial pontevedrés estará a disposición para traballar nas peticións do Museo de Poznan, abrindo a posibilidade incluso do intercambio de fondos para realizar exposicións cruzadas nunha e outra localidade.

Como peche á visita da delegación pontevedresa ao Museo realizouse un percorrido guiado pola mostra que acolle 24 obras do autor Jacka Malczewskiego provenientes de Lwow, en Ucrania, co fin de resgardalas da guerra e evitar a súa destrución ou roubo.

Cerimonia de restitución

Mañá venres á unha da tarde será a cerimonia de conmemoración dos cadros restituídos a Polonia polo Museo de Pontevedra no castelo de Goluchow, onde o díptico será exposto definitivamente ao público. Tomarán a palabra no evento o ministro de Cultura e Patrimonio Nacional Piort Glinski, o embaixador español Ramiro Fernández, o director xeral de Patrimonio Cultural español Isaac Sastre, así como o director do Museo Nacional de Poznan  Tomasz Lecki, e o vicepresidente César Mosquera e o director do Museo de Pontevedra pola parte da Deputación. A presentación das obras será realizada polo especialista Mariusz Wisniewski.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 10 resultados.