O espolio nazi dos cadros de Dieric Bouts e a devolución do Museo de Pontevedra a Polonia, nunha película

Unha produtora polaca ten solicitado colaboración ao Museo para poñer a andar unha peza documental

23/05/2023

 CADROS POLONIA PELÍCULA

A historia do espolio nazi dos cadros da Dolorosa e o Ecce Homo da escola de Dieric Bouts e a devolución do Museo de Pontevedra a Polonia segue a ser exemplo internacional de xustiza histórica e vai ser parte dunha película. Unha produtora de cine polaca acaba de poñerse en contacto coa Deputación e o Museo de Pontevedra para solicitar colaboración na recompilación de información, documentación e imaxes para poñer a andar a peza documental incluíndo a restitución pontevedresa.

A empresa MEWA FILM - produtora de cinema localizada en Polonia dirixida por Mariusz Pilis e especializada en temas de antisemitismo con varios premios no seu haber -,  púxose en contacto hai uns días explicando que está a gravar unha película sobre as obras de arte espoliadas a Polonia por nazis durante a Segunda Guerra Mundial e a súa recuperación.

A historia das pinturas de Dierk Bouts, segundo subliñaron no seu contacto, “é moi interesante”, ao tempo que cualificaron a actuación da Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra neste asunto como “exemplar e respectable”. “Impresionounos moito a declaración do Sr. César Mosquera, vicepresidente da Deputación ao dicir que "É unha honra poder devolver obras que datan destes tempos escuros"”, subliñan dende a produtora.

Por este motivo, dende Mewa Film subliñan o seu interese en “incluír a historia na nosa película”, para o que teñen solicitado toda a información posible, a documentación existente, así como a dispoñibilidade de imaxes tanto da cerimonia de transferencia das pinturas celebrada en Polonia, como da súa embalaxe en caixas e preparación para o transporte en Pontevedra, material que será entregado por parte da Deputación cos permisos de uso correspondentes.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.