Institucións europeas amosarán no Museo de Pontevedra as novas tendencias en deseño e xestión das salas de reserva no XI Encontro de Conservación e Restauración

O evento, consolidado como un referente no seu ámbito, xuntará a profesionais de España, Francia e Países Baixos para debater sobre como debe ser no século XXI o almacenamento dos fondos dos museos 

25/10/2022

XI Encontro de  Conservación e Restauración

O Museo de Pontevedra acollerá o 24 e 25 de novembro o XI Encontro de Conservación e Restauración, un evento consolidado como un referente a nivel estatal no seu ámbito. A edición deste ano pon o foco na conservación preventiva, co lema ‘Deseño e xestión das salas de reserva. Onde comeza a conservación’. Nos últimos anos os museos están a prestar unha atención crecente ás reservas da colección, que están a ocupar unha posición central nas inquietudes das e dos profesionais da museoloxía.

Por Pontevedra pasarán representantes de institucións de referencia nos ámbitos estatal e internacional para compartir coñecemento e expoñer algunhas experiencias desenvolvidas nos últimos anos que están a cambiar o concepto que se tiña dos depósitos dos museos. Propostas como o deseño desde cero de salas de reserva, a reorganización funcional das existentes, a creación de reservas visitables ou a aparición de centros de depósito que dan servizo a varias institucións poranse sobre a mesa no encontro.

As conferencias de Bart Ankersmit da Axencia do Patrimonio Cultural dos Países Baixos e de Hélène Anton, do Centro de Conservación e estudo de Lorraine (Francia) ofrecerán a perspectiva de iniciativas destacadas en Europa. As persoas que asistan ao encontro tamén poderán coñecer como xestionan os seus fondos museos de referencia en España, como o Reina Sofía, o Museo Arqueológico de Alicante, o Museu d’Història de Barcelona e o Museo de Málaga.

A estratexia de sostibilidade posta en marcha en Gipuzkoa coa creación do centro Gordailua tamén será obxecto dunha conferencia. A representante do Centro de Restauració de Béns Mobles de Catalunya presentará as  características do sistema de xestión de salas de reserva RE ORG. E empresas do sector como Albayalde conservatio e EUN Group exporán claves sobre o deseño e xestión dos espazos de almacenamento de fondos museísticos.

Inscrición aberta

O encontro está organizado polo Museo e a Deputación de Pontevedra en colaboración coa Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

A inscrición é gratuíta e pode facerse ata o 21 de novembro a través da web https://encontrorestauracion.depo.gal. As prazas son limitadas. O encontro está orientado a profesionais de museoloxía e está aberto a estudantes de disciplinas relacionadas co tema do encontro, como conservación e restauración, historia, ou historia da arte.    

Enlaces de interés

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.