O Museo acolle este sábado a 62ª edición do concerto do alumnado internacional de Música en Compostela

‘A la luz de los candelabros’ terá lugar ás 20:00 h no Edificio Castelao, con entrada libre ata completar a capacidade

01/08/2023

O Museo de Pontevedra organiza este sábado 5 de agosto o concerto ‘A la luz de los candelabros’, unha cita que chega este ano á súa 62ª edición. O alumnado do curso internacional Música en Compostela, chegado de múltiples países de todo o mundo, actuará diante do público ás 20:00 h no Edificio Castelao, con entrada libre ata completar a capacidade, nunha cita que se repite no Museo xa desde a década de 1960.

O curso internacional Música en Compostela fundouse en 1958 e atrae músicos de todo o mundo que cada verán chegan a Galicia para formarse en música española. A edición deste ano conta con 75 alumnos de 18 países que asistirán a clases con profesorado de renome internacional como a mezzosoprano María José Montiel, o mestre de guitarra José María Gallardo del Rey, o de violín Stephan Picard ou o de chelo Ángel García Jermann. Unha parte importante do alumnado deste curso será o que actúe no xa clásico concerto ‘A la luz de los candelabros’.

Programación en agosto

A programación do Museo en agosto complétase con exposicións, visitas guiadas e os obradoiros de verán. Durante este mes poderanse visitar tres exposicións temporais: ‘Juan Carlos Meana. O espazo entre as cousas’, que se inaugura este xoves; ‘Rafael Úbeda. Expresións cromáticas’ e a mostra do certame ‘Novos Valores 2023’.

Tamén se ofrecen distintas visitas guiadas, todas elas de balde e sen necesidade de reserva previa. As visitas con guía á colección permanente nos edificios Castelao e Sarmiento teñen lugar de martes a sábado ás 12:00 h e os mércores ás 12:00 e ás 18:00 h. Os xoves ás 18:00 h hai programadas visitas guiadas á exposición ‘Rafael Úbeda. Expresións cromáticas’, e de martes a venres ás 12:00 h tamén se organizan visitas guiadas ás ruínas de San Domingos.

Por último, en agosto continúan os obradoiros de verán do Museo. Na primeira quincena celebrarase ‘Creando un pequeno museo portátil’, impartido pola ilustradora e ceramista Lili Algo, no que a partir de retratos da arte galega e española do século XIX presentes no Museo, as persoas participantes crearán personaxes, elaborarán camafeos tridimensionais e contribuirán á creación dun museo portátil. Na segunda quincena terá lugar ‘Arqueoloxía experimental’, a cargo de AAEX - Área de Arqueoloxía Experimental, no que os nenos participantes percorrerán a Idade do Bronce coñecendo como eran os materiais da época, a vida doméstica e os espazos funerarios, ademais de descubrir como se estudan e musealizan as pezas arqueolóxicas. Todos os obradoiros teñen xa as prazas completas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 9 resultados.