Mouriscade xa é a quinta mellor granxa de España en calidade xenética dos seus animais

A explotación gandeira dependente da Deputación de Pontevedra segue a escalar postos no índice combinado ICO polo seu programa de mellora xenética e a súa eficiencia

08/12/2023

A granxa da Finca Mouriscade mantén a súa imparable escalada e xa é a quinta mellor explotación gandeira de toda España. En menos de tres anos, a gandería dependente da Deputación de Pontevedra pasou do posto número 35 ao 5 no índice combinado ICO, que avalía a calidade xenética dos animais. Unha clasificación que apuntala ao centro como unha referencia no sector agrogandeiro a nivel nacional.

Esta nova subida no ranking confirma que as tenreiras que naceron en Mouriscade a partir dos últimos embrións e o traballo realizado polo persoal profesional do laboratorio está a contribuír de xeito decisivo á mellora xenética da gandería e como consecuencia á mellora da eficiencia produtiva das ganderías da provincia.

A granxa debutou nesta clasificación que elabora a Confederación de Asociacións de Frisoa Española (Conafe) no posto 35, o pasado ano subiu ata o 12 e pechará este 2023 na quinta posición, só por detrás de dúas ganderías barcelonesas (primeira e cuarta), unha coruñesa (terceira) e a lalinense G. B. Gandería (segunda).

A calidade da gandería de Mouriscade está a evolucionar de forma continua desde a posta en marcha do plan de revitalización para consolidar a Finca como referencia internacional e conta con varias reses entre as mellor puntuadas do Estado. O obxectivo do Goberno provincial é o de seguir crecendo e o de consolidar a Mouriscade como un gran referente entre as ganderías con maior calidade xenética de España.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.