A Deputación oferta visitas guiadas e gratuítas á Finca Mouriscade
As visitas, abertas a grupos de ata 35 persoas de centros educativos, asociacións ou outros colectivos, permiten coñecer o laboratorio, a granxa e as terras de cultivo da considerada quinta mellor granxa de España en calidade xenética animal
05/01/2024
A Deputación de Pontevedra oferta a centros educativos, asociacións ou outros colectivos, visitas guiadas e gratuítas á Finca Mouriscade de Lalín, a quinta mellor granxa de España en calidade xenética animal segundo o índice combinado ICO. As visitas, que poden formalizarse a través de laboratorio.mouriscade@depo.es, están abertas a grupos de ata 35 persoas e permiten coñecer o laboratorio, a granxa e as terras de cultivo.
A visita á Finca Mouriscade ten un sentido didáctico e formativo e pode formalizarse cunha antelación mínima de 72 horas á data proposta. A través dela pódese coñecer en profundidade o traballo desenvolvido por este centro de referencia en Galicia en canto á análise e investigación avanzada sobre alimentación, enfermidades e xenética dos animais, especialmente das vacas de raza frisoa, que son as máis comúns na provincia de Pontevedra e en Galicia, pero tamén do gando porcino e aves.
A proposta da Deputación para coñecer Mouriscade abrangue visitas ao laboratorio, á granxa e ás terras de cultivo. No laboratorio estúdase a calidade dos alimentos e a prevención de enfermidades, así como se realízan análises de auga e xermes. Pola súa banda, na granxa trabállase na mellora xenética do gando a través da transferencia embrionaria, procurando que as e os gandeiros poidan ter animais máis saudables e produtivos. Ademais, os refugallos que se producen na Finca Mouriscade empréganse na fabricación de enerxía para autoconsumo na planta de biogás.
Finalmente o percorrido contempla unha visita ás terras de cultivo que, cunha superficie de 44 hectáreas, están destinadas na súa maior parte a cultivos de millo, para realizar ensaios de mellora da alimentación do gando así como investigacións sobre os fertilizantes.