A Deputación organiza este sábado no Castelo de Soutomaior un obradoiro infantil sobre a vendima
O obradoiro, para o que están todas as prazas esgotadas, permitirá aos nenos converterse en vendimadores e percorrer os viñedos
31/08/2023
A Deputación de Pontevedra organiza este sábado 2 de setembro ás 11:30 horas no Castelo de Soutomaior un obradoiro infantil que permitirá aos cativos converterse en vendimadores por un día. A actividade, que forma parte do programa “Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior”, ten as prazas esgotadas. A proposta consistirá nun taller no que colleitarán os diferentes tipos de uvas e as pisarán para facer o mosto. Desta maneira, os rapaces terán a posibilidade de recorrer os viñedos do Castelo e coñecer a fondo cales son todos os procesos que interveñen na elaboración dos caldos.
“Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior” é unha programación de 30 actividades con visitas teatralizadas, obradoiros, contacontos e roteiros para familias con nenos baseadas nas lendas, os oficios tradicionais e as tradicións da provincia. Ao longo dos últimos meses, as familias puidéronse achegar á mitoloxía popular da provincia, aos xogos tradicionais, os oficios artesanais, os seres mitolóxicos ou tradicións como os maios ou as herbas de San Xoán. Agora, quedan dúas actividades máis enmarcadas neste programa: o vindeiro 28 de outubro, ás 16:30 horas, terá lugar a celebración do Samaín, na que os participantes se introducirán no máxico mundo desta festa e coñecerán as árbores e froitos máis típicos desta época, e o 4 de novembro, á mesma hora, chegará o Magosto, cunha ruta polos bosques do castelo para recoller castañas e facer un magosto tradicional.
As entradas para as actividades están dispoñibles en entradas.castelodesoutomaior.com, a un prezo único de 8 € (que inclúen a entrada ao Castelo, valorada en 5 €), e cada actividade conta cun total de 30 prazas.