Esgotadas as 720 prazas para as visitas teatralizadas de Samaín no castelo de Soutomaior

A Deputación ofrecerá entre o 6 e o 28 de outubro un total de 24 pases, 16 dirixidos a público infantil e 8 para o adulto

28/09/2023

As novas visitas teatralizadas de Samaín que organiza a Deputación de Pontevedra no castelo de Soutomaior rexistraron unha excepcional acollida, de xeito que xa se esgotaron as 720 prazas. Cómpre lembrar que a institución provincial promove dúas modalidades distintas para estas visitas, que se celebrarán ao longo do mes de outubro: unha delas nocturna e destinada ao público adulto e outra dirixida ao infantil e familiar.

Ambas as actividades estarán a cargo da compañía Troula Animación e basearanse na idea de que as e os asistentes o pasen ben pasándoo mal. As visitas para o público infantil celebraranse todos os sábados e domingos de outubro (os días 7, 8, 14, 15, 21, 22, 28 e 29) en dobre sesión, ás 11:30 e ás 16:30 horas, e nelas este gozará dunha historia terrorificamente divertida.

Por outra banda, as visitas destinadas ao público adulto (preferentemente maior de 16 anos) terán lugar os venres e os sábados (os días 6, 7, 13, 14, 20, 21, 27 e 28), ás 20:00 horas, e nelas as persoas participantes porán a proba a súa valentía nunha visita guiada onde nada é o que parece. En cada sesión participarán trinta persoas.

As restantes propostas no castelo de Soutomaior este outono tamén están a obter un grande acollemento. Así, esgotáronse as prazas do obradoiro que o 28 de outubro lles amosará ás familias participantes o máxico mundo do Samaín e as árbores e froitas típicas desta tradición, así como as do magosto previsto para o 4 de novembro, cunha saída polo bosque para recoller castañas e posteriormente degustalas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.