As “Subvencións Ágora” permiten impulsar 18 proxectos de recuperación do espazo público no Morrazo

Bueu, Moaña, Marín, Cangas e Vilaboa son os concellos que solicitaron asesoramento para mellorar a súa calidade urbana     

20/02/2023

As ‘Subvencións Ágora’, axudas do departamento de Mobilidade e Espazo Público para que os concellos redacten proxectos para recuperar a súa contorna urbana e núcleos rurais potenciando as mobilidades activas sobre as motorizadas, teñen impulsado 18 propostas de mellora no Morrazo en apenas dous anos e medio. Bueu, Moaña, Marín, Cangas e Vilaboa son os concellos que teñen apostado polo novo modelo de mobilidade e beneficiado das inxeccións económicas practicamente dende a creación da Rede de Concellos Ágora polo Espazo Público.

Para o deputado de Mobilidade Uxío Benítez é fundamental que os concellos aposten pola redacción de proxectos e a planificación, xa que isto permite que teñan unha carteira de propostas listas para financiar tanto coas axudas para obras da Deputación a través do Plan Concellos, ReacPon ou outras liñas, así como con outras axudas externas, por exemplo as europeas, para cuxa consecución tamén hai asesoramento por parte da Rede Ágora. “Unha vez cos proxectos xa redactados os gobernos locais poden priorizar que obras poñen en marcha”, destacou.

Segundo Benítez, as subvencións Ágora teñen alcanzado o 77% dos concellos e inxectado máis de 5,3 millóns de euros  en apenas dous anos e medio na provincia. “A recuperación do espazo público está na axenda política local da provincia”, dixo o nacionalista, quen destaca que os números amosan unha tendencia moi clara dos gobernos locais por planificar a recuperación do seu espazo público.

Na terceira e última convocatoria das subvencións, de feito, en toda a provincia solicitáronse axudas para redactar 93 proxectos por parte de 37 concellos Ágora, unha cifra que esgota o orzamento de 900.000 dispoñible polo que Benítez destacou que se ampliará a partida noutros 550.000 euros para atender todas as peticións.

Como datos globais, Benítez explicou que grazas ás axudas Ágora nos últimos dous anos estanse a impulsar 207 actuacións en 47 concellos da provincia sumando todas as convocatorias. As subvencións, así, chegaron ao 77% dos concellos da provincia, unha cifra que sube ata o 80% ao ter en conta que hai que deixar de lado a Pontevedra e Vigo por ter máis de 50.000 habitantes e non ser potenciais beneficiarios.

En canto ao tipo de proxectos subvencionados, Benítez resaltou que moitos concellos apostaron por grandes actuacións (que recibían a contía máxima da subvención) e outros por actuacións máis modestas en pequenas prazas ou contornas rurais nas que se crearon espazos de convivencia, algo que demostra, segundo dixo, “que o modelo Ágora non é só de aplicación urbana”.

Subliñou que, en todos os casos, os proxectos solicitantes cumpren cos requirimentos de supoñer un incremento mínimo do espazo peonil no ámbito de actuación dun 50 % con respecto ao existente na actualidade, e ter unha superficie mínima de 300 metros cadrados. No caso de creación ou mellora dun espazo segregado de circulación peonil e/ou ciclista  (sendas) todas teñen unha superficie mínima de 100 metros lineais e un largo mínimo de 2,5 metros.

Os proxectos en carteira para O Morrazo

Na Comarca do Morrazo concedéronse axudas na primeira convocatoria ao Concello de Marín para a humanización da contorna do Mercado de Abastos de Seixo; na segunda para a humanización das rúas Augusto Miranda e Serafín Tubío, así como para a senda na estrada do Pazo, en Ardán. Na terceira para a humanización da Rúa Méndez Núñez.

O Concello de Bueu recibiu axuda para o proxecto para a humanización da contorna da Rúa Nova de Arriba na parroquia de Beluso na primeira edición das axudas; na segunda convocatoria para a rexeneración das rúas Canceliña e Meáns; mentres que na terceira para a recuperación do borde litoral na praia de Portomaior-Agrelo, e tamén para o proxecto de humanización do número rural de Monte mogos.

O Concello de Vilaboa recibiu axuda para a humanización da contorna da Casa do Concello no Toural na primeira convocatoria e na segunda para a senda peonil e ciclista ‘Do sal ao cal’. Non presentou na terceira convocatoria

Na primeira edición Moaña recibiu axuda por valor de 56.302,76 euros para as obras de mellora da contorna da Casa do Concello, onde se recuperaron uns 9.000 metros cadrados para as persoas. Na segunda convocatoria, a subvención foi para a redacción da mellora das conexións e accesibilidade entre a ‘alta Moaña e baixa Moaña’. Na terceira convocatoria, a axuda irá destinada ao proxecto de humanización do camiño da igrexa de Meira, do camiño ao cemiterio e a Fonte Pastoriz, tamén á humanización da travesía da estrada da praia en Meira.

O Concello de Cangas incorporouse ás solicitudes de axudas na segunda convocatoria, cando pediu subvención para o proxecto de peonalización do ámbito da rúa Eduardo Vicente e a avenida de Montero Ríos. Na terceira e última convocatoria recibirá financiamento para os proxectos de humanización do ámbito da praza do centro de saúde, así como e para a súa accesibilidade, e para a humanización do ámbito da rúa do Ferrol.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.