O Ciclo Mestre Mateo continúa este venres na Estrada coa proxección do filme “Unicorn Wars”

A película, galardoada como mellor longametraxe de animación nos premios do audiovisual galego, exhibirase nos Minicines Central ás 17:00 horas

26/10/2023

Os Minicines Central, no concello da Estrada, acollerán este venres 27 de outubro, ás 17:00 horas un novo pase da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Nesta ocasión, as e os veciños poderán gozar dun pase de Unicorn Wars, galardoado como mellor filme de animación na última gala dos Mestre Mateo.

Con guión e dirección de Alberto Vázquez e con Chelo Loureiro, Iván Miñambres e Nicolas Schmerkin na produción, esta película recibiu o pasado 2022 o Goya á mellor película de animación e tamén foi finalista neste ano nos galardóns do audiovisual galego nas categorías de mellor dirección, dirección de arte, guión, montaxe e son. A historia arranca co exército osiño adoutrinando novos recrutas para conducilos á guerra que iniciaron contra os unicornios porque cren que ameazan a seguridade do seu pobo. Nese grupo inexperto están os protagonistas, os irmáns Azuliño e Gordi, que xunto cos seus compañeiros serán enviados a unha perigosa misión para salvar o Bosque Máxico.

Ademais da Estada, os outros concellos nos que recala a segunda edición do Ciclo Mestre Mateo son os da Guarda, Baiona, Caldas de Reis e O Grove. Estes municipios exhibirán ata novembro, ademais de Unicorn Wars, os filmes María Casares, a muller que viviu mil vidas e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como mellor documental e mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo, así como dos documentais Onde máis doe (dirixido por Manane Rodríguez, 2022), A Foreign Song (César Souto) e No somos nada (Javier Corcuera), o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro) e as longametraxes Live is Life (Dani de la Torre), e Código Emperador (Jorge Coira).

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 9 resultados.