O Ciclo Mestre Mateo continúa este venres 3 no Grove coa proxección do filme “O corpo aberto”

A película, galardoada como mellor longametraxe nos premios do audiovisual galego, exhibirase na Casa da Cultura, ás 20:00 horas

02/11/2023

A Casa da Cultura do Grove acollerá este venres 3 de novembro, ás 20.00 horas un novo pase da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e pola Deputación de Pontevedra para achegarlles as longametraxes de ficción e documentais gañadores e finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Nesta ocasión, as veciñas e os veciños poderán gozar da proxección de O corpo aberto, galardoado como mellor longametraxe na gala dos Mestre Mateo.

Dirixida pola realizadora Ánxeles Huerta, a película está protagonizada por Tamar Novas, Victoria Guerra e María Vázquez nos seus principais papeis e acumulou un total de quince candidaturas aos Mestre Mateo deste ano. A historia, ambientada en 1909, sitúa a Miguel, un mestre novo, destinado nunha vila de montaña na fronteira entre España e Portugal: Lobosandaus, unha aldea inhóspita e de tradicións ancestrais. Neste lugar dominado pola superstición, a estraña morte dun veciño da aldea libera un espírito en busca dun corpo que lle permita seguir coa súa existencia, o que levará a Miguel a cuestionar os límites entre o mundo dos vivos e o dos mortos.

Ademais do Grove, os outros concellos nos que recala a segunda edición do Ciclo Mestre Mateo son os da Guarda, Baiona, Caldas de Reis e A Estrada. Estes municipios exhibirán ata novembro, ademais de O corpo aberto, os filmes María Casares, a muller que viviu mil vidas e Unicorn Wars, recoñecidos respectivamente como mellor documental e filme de animación na última edición dos Mestre Mateo, así como dos documentais Onde máis doe (dirixido por Manane Rodríguez, 2022), A Foreign Song (César Souto), e No somos nada (Javier Corcuera), a película de animación Valentina (Chelo Loureiro) e as longametraxes Live is Life (Dani de la Torre), e Código Emperador (Jorge Coira).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.