Máis de 250 nenas e nenos da provincia enchen a Porta do Sol de Vigo co mercado solidario de “DepoEmprende na Escola”

Colexios de Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Nigrán, O Porriño, Ribadumia, Tomiño, Tui e Cerdedo-Cotobade participaron na 7ª edición do programa de fomento da cultura emprendedora que promove a Deputación entre o alumnado de 5º e 6º de Primaria

06/06/2023

MERCADO DEPOEMPRENDE NA ESCOLA

Máis de 250 nenas e nenos de colexios de toda a provincia demostraron o seu potencial emprendedor no mercado solidario efémero que instalou a Deputación de Pontevedra esta mañá na céntrica praza da Porta do Sol de Vigo como colofón da sétima edición do programa “DepoEmprende na Escola”. Deste xeito, o alumnado de 5º e 6º de Primaria de 10 centros de ensino dos concellos de Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, O Porriño, Tui, Tomiño, Nigrán, Ribadumia e Cerdedo-Cotobade deu o último paso das cooperativas que crearon desde cero durante todo este curso no marco do programa da institución provincial, que ten como obxectivo fomentar a cultura emprendedora no ámbito educativo. A presidenta en funcións, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, visitaron o mercado e participaron na entrega de cadanseu diploma aos dez centros participantes. Asistiron ao acto a deputada provincial en funcións Ana Mejías, David Regades, delegado da Zona Franca de Vigo, Patricia Santos, asesora de emprendemento na Subdirección Xeral de Formación Profesional da Xunta, Susana Pérez e Yoya Núñez, presidenta e vogal da xunta directiva de Empresarias de Galicia, e Rosa Fernández, xerente de AJE Vigo.

As nenas e nenos elaboraron e/ou comercializaron bens como testos feitos con materiais reciclados, ambientadores, cadernos, cuncas, portafolios, bolsas de tea, cuncas de arxila para pousar as chaves, bolsas quentes, marcapáxinas, lapiseiros, velas, xogos de mesa, atrapasoños, chaveiros, camisetas, plantas, imáns, pulseiras ou chapas que hoxe puido mercar a cidadanía. Ademais, parte dos beneficios das súas vendas irán parar a entidades protectoras de animais como Os Palleiros de Pontevedra ou o Refuxio de Cambados, a ONGD Da Man, Bicos de Papel, a asociación Vontade, a Fundación Pequeño Deseo, Aspace, a Federación Galega de Enfermidades Raras, Manos Unidas e Cáritas.

Carmela Silva lembrou que “DepoEmprende na Escola” “pretende crear unha cultura para que as nenas e nenos sexan capaces de emprender” e amosou o seu orgullo: “temos crianzas moi talentosas e hoxe vimos como se puxeron en marcha ideas que naceron das mellores nenas e nenos do mundo”. Deu os parabéns ás e aos participantes, “que traballastes e aprendestes moito sobre a creación de produtos e o funcionamento dunha cooperativa ao longo de todo o curso e ata hoxe, que estades poñendo á venda os produtos que elaborastes”, e animou a cidadanía a visitar os postos e “levar para a casa todo o que fixestes, porque ademais unha parte dos beneficios vai ir destinada a ONG, xa que a solidariedade é tamén un elemento transversal de ‘DepoEmprende na Escola’”.

Pola súa banda, Abel Caballero deu a benvida “a todas as rapaces e rapaces que vides de tantos lugares de toda a provincia” e asegurou que “estamos encantadas e encantados de que esteades connosco, compartindo a cidade de Vigo e coñecendo os vosos proxectos de artesanía, de creación de cooperativas e de lanzamento dun proceso, desde esa creación ata a venda dos produtos”.

No mercado desta sétima edición de “DepoEmprende na Escola” participaron un total de 10 centros de 9 concellos da provincia, que mobilizaron 251 nenos e nenas e 38 profesoras e profesores para crear proxectos emprendedores baseados na ecoloxía, a cultura, a natureza ou a reciclaxe. Na comarca de Vigo, participaron o CEE Saladino Cortizo de Vigo (con dúas cooperativas: “Os Cortizos” e “A Arte da Solución”) e o CEEPR Aceesca do Porriño (coa cooperativa “O Mistral”). No Val Miñor, o CRP Estudio de Nigrán (coa cooperativa “Ga-li-cia”). No Baixo Miño, o CEIP Plurilingüe Nº 1 de Tui (con dúas cooperativas: “Econatureza” e “Ecoempress”) e o CEIP Plurilingüe de Tebra de Tomiño (con dúas cooperativas: “Tebralidades” e “Recuncho creativo”). Na comarca de Pontevedra, o CEE de Pontevedra (coa cooperativa “Xirope”), o CEIP A Xunqueira 1 de Pontevedra (coa cooperativa “Naturalshop”) e o CEIP Plurilingüe de Carballedo de Cerdedo-Cotobade (coa cooperativa “As Cores de Carballedo”). No caso da comarca do Salnés, participaron o CEE de Vilagarcía de Arousa (coa “Reprografía CEE Vilagarcía”) e o CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia (con tres cooperativas: “Los creative”, “El mundo al revés” e “Recycling Art”).

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.