A Deputación inicia o proceso para contratar as obras de mellora da seguranza viaria na estrada provincial entre Serrapio e Portela, en Cerdedo-Cotobade
“Imos destinar preto de 440.000 euros, financiando integramente o 100% desta obra que abrangue 1,2 quilómetros entre Vilarchán e Fondós”, explicou o presidente Luis López
04/08/2023
Nova Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra e nova inxección económica aos concellos da provincia. Neste caso, a institución presidida por Luis López acaba de dar luz verde ao proceso para a contratación das obras de ensanche e mellora da seguranza viaria na EP-7106 Serrapio-Portela, en Cerdedo-Cotobade. “Imos destinar preto de 440.000 euros, financiando integramente o 100% desta obra que abrangue un treito de 1,2 quilómetros entre os lugares de Vilarchán e Fondós”, explicou o presidente provincial.
O obxectivo principal da actuación, en palabras de Luis López, é “mellorar a seguridade dunha estrada que agora é sinuosa e carece de beirarrúas”. Deste xeito, corrixirase o trazado de diversas curvas e ampliarase o ancho da vía ata os 7 metros, con carrís de tres metros e beiravías de medio metro. O groso das obras continuará coa pavimentación, a execución dun muro de contención e a ampliación da ponte que se atopa neste tramo, ademais de implantar novas barreiras de seguridade e renovar a sinalización.
A actuación na estrada entre Vilarchán e Fondós, en Cerdedo-Cotobade, comezará coa preparación da superficie, limpeza de marxes, demolición de muros e pavimentos, e desmontaxe de barreiras de seguridade dos peches existentes. A continuación formarase a explanada e executarase un muro de contención de terras, con bloques de pedra, para a ampliación da sección transversal da vía. Tamén se ampliará a ponte existente no tramo de actuación, á que se lle dará continuidade cun revestimento de sillería de granito. Ademais executaranse obras de drenaxe lonxitudinal e nova sinalización horizontal e vertical, así como barreiras de seguridade.