A Deputación saca a licitación as obras de mellora da estrada entre Serrapio e Portela en Cerdedo-Cotobade

A institución provincial dedica 440.000 euros a actuar nun treito de 1,2 quilómetros entre Vilarchán e Fondós. O prazo de presentación de ofertas remata o 7 de setembro

23/08/2023

Tras dar luz verde hai unhas semanas na Xunta de Goberno ao inicio da contratación das obras na EP-7106 Serrapio-Portela, en Cerdedo-Cotobade, a Deputación de Pontevedra acaba de sacar a licitación o proxecto co que se conseguirá o ensanche e a mellora da seguridade viaria desta infraestrutura provincial. As obras están dotadas de 440.000 euros, que serán integramente financiados pola institución provincial, para actuar nun treito de 1,2 quilómetros da vía, concretamente entre os lugares de Vilarchán e Fondós.

O obxectivo principal da actuación é mellorar a seguridade desta estrada, que na actualidade é sinuosa e carece de beirarrúas. Corrixirase o trazado de varias curvas e ampliarase o ancho da vía ata os 7 metros, con carrís de 3 metros e beiravías de 0,5 metros. As obras continuarán coa pavimentación, coa execución dun muro de contención e coa ampliación da ponte que se atopa neste tramo. Tamén se implantarán novas barreiras de seguridade e se renovará a sinalización.

A actuación na estrada entre Vilarchán e Fondós, en Cerdedo-Cotobade, comezará coa preparación da superficie, a limpeza das marxes, a demolición dos muros e pavimentos, e a desmontaxe das barreiras de seguridade dos peches existentes. A continuación, formarase a explanada e executarase un muro de contención de terras, con bloques de pedra para ampliar a sección transversal da vía. Tamén se ampliará a ponte existente no tramo de actuación, á que se lle dará continuidade cun revestimento de cantería de granito. Por último, executaranse obras de drenaxe lonxitudinal e colocaranse novos elementos de sinalización horizontal e vertical, así como barreiras de seguridade.

As empresas interesadas teñen de prazo ata o próximo 7 de setembro ás 10:00 horas para presentar as súas ofertas a través do portal de licitación electrónica da Deputación de Pontevedra.