Europa volve a apostar polo modelo de mobilidade da Deputación cunha nova achega do IDAE: 400.000 euros para a EP-9306 Cobas-Padrenda, en Meaño

As obras, financiadas pola Deputación e o Concello, permitirán a mellora da seguridade viaria na totalidade da estrada provincial

24/03/2022

A Deputación de Pontevedra volve a estar de parabéns tras coñecer que o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) acaba de concederlle unha nova achega para os seus proxectos de mellora en infraestruturas provinciais. Neste caso, o IDAE subvencionará con 401.870€  a actuación  de mellora peonil na EP-9306 Cobas-Padrenda, que discorre polo lugar de Aldea de Abaixo, en Meaño. Con estes recursos, o IDAE financiará 0 75% do orzamento, revalidando así o seu apoio ao modelo de mobilidade amable, sostible e segura que a Deputación está a desenvolver nas infraestruturas da provincia, como xa o fixera anteriormente con subvencións para outras actuacións en Poio, Ponte Caldelas, Redondela ou Moaña.

As obras, que arrancaron a comezos de febreiro, teñen un orzamento total de 537.130 euros, financiados pola Deputación (70%) e o Concello (30%) e permitirán a mellora da seguridade viaria nos 820 metros desta estrada provincial. Tralas obras a EP-9306 contará con dous carrís de circulación de 2,75 metros de ancho, un por sentido, unha beiravía de 50 centímetros e unha senda peonil de ancho variable que se adaptará ao espazo existente. Do mesmo xeito, ao inicio da actuación, dende o entronque coa EP-9302 polo antigo trazado, proxéctase unha zona de convivencia do tráfico rodado e peonil mediante unha plataforma elevada.

Ademais, no cruzamento coa EP-9305 a estrada contará cunha rotonda con dous carrís de circulación de catro metros de ancho cada un e beiravías dun metro en ámbalas marxes. A estrada iluminarase con tecnoloxía LED e tamén disporá de separadores que impidan que os vehículos invadan a senda peonil, redutores físicos de velocidade, pasos elevados para as persoas que camiñan e a correspondente sinalización horizontal e vertical.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de  data  17 de xuño de 2017),  polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, modificado polo Real Decreto 1516/2018, de 28 de decembro (B.O.E. nº 314, de 29 de decembro de 2018), e Real Decreto 316/2019, de 26 de abril (B.O.E. nº 130, de 30 de abril de 2019)  e Real Decreto 1185/2020, de 29 de decembro (B.O.E. nº 340, de 30 de decembro de 2020).

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 12 resultados.