A Deputación leva este venres a Catoira e Pontecesures o circuíto +Escénicas con “O rapto da Befana”, de Olivas Negras, e “O cachimóbil”, de Títeres Cachirulo

A peza teatral de Catoira poderá verse a partir das 19:00 horas no Auditorio municipal, e a de Pontecesures ás 12:00 horas no Centro social

01/01/2025

A Deputación de Pontevedra leva este xoves 3 de xaneiro o circuíto +Escénicas aos concellos de Catoira cunha peza de teatro familiar, “O rapto da Befana”, a cargo da compañía Olivas Negras, e Pontecesures, coa obra para todos os públicos “O cachimóbil”, de Títeres Cachirulo. Os espectáculos enmárcanse no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.

“O rapto da Befana” é unha obra de orixe italiana con moitas aventuras, enredos, música, alegría e comedia. Durante só unha noite de xaneiro, a bruxa Befana reparte agasallos e comida polas casas. Colombina, farta de traballar e de ser pobre, ten unha idea: raptala para que nunca lle falte nada. Pero Arlequín e Polichinela escoitan o seu plan, Arlequín quere chegar antes ca ninguén onda a Befana para demostrarlle a Colombina que é máis listo ca ela. O Capitán vai con el, sobre todo porque non quere quedar só. Polichinela consegue a axuda de Pantalone e os seus cartos para descubrir onde vive a Befana. E a Befana, sen sospeitar o que lle espera, viaxa na súa góndola pola terra, polo aire e pola auga. A función comezará ás 19:00 horas no Auditorio municipal de Catoira.

“O cachimóbil” é unha barraca que leva os monicreques e a ilusión a calquera recuncho. As aventuras do Príncipe Verdemar, de Don Gaiferos ou mesmo de Xela, unha nena que terá que enfrontarse ao malvado Dragón Traga-verbas para rescatar as palabras e frases esquecidas do galego, acontecen nun teatriño autosuficiente, axeitado para espazos exteriores, que inclúe cadeiras e bancos para acomodar o público. O espectáculo terá lugar no Centro social de Pontecesures ás 12:00 horas.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.