A Deputación leva este xoves á Lama o circuíto +Escénicas con “Peques e heroas”, da contacontos Manuela Varela

O espectáculo infantil poderá verse ás 11:00 horas no salón de actos do CEIP A Lama

26/11/2024

A Deputación de Pontevedra leva este xoves 28 de novembro o circuíto +Escénicas ao concello da Lama co contacontos infantil “Peques e heroas”, de Manuela Varela, pensado para fomentar a reflexión sobre roles de xénero entre as nenas e os nenos. A función comezará ás 11:00 horas no salón de actos do CEIP A Lama, e enmárcase no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.

“Peques e heroas” comeza falando de heroes e tamén de heroas, convidando a reflexionar sobre os roles de xénero falándolle á cativada sobre “profas”, “pilotas” e “heroas” como unha mostra dos pequenos e dos grandes actos heroicos que moitas mulleres deben acometer para desempeñar as súas carreiras profesionais. A sesión de Manuela Varela continúa cunha versión do conto de Daniela Pirata, onde unha nena quere ser unha gran pirata e supera todas as probas que os piratas lle esixen. Para rematar, a sesión inclúe a historia de Juan, un pequeno heroe ao que lle gusta pintar as unllas de cores e consegue convencer os demais sobre o divertido que é.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.