Máis de 555.000 euros da Deputación permiten a Soutomaior ampliar o espazo peonil na rúa do Peirao, mellorar camiños e acondicionar o local de Moreira

O investimento provincial acumulado en Soutomaior nos últimos sete anos alcanza os 7,5 millóns de euros e fixo posible que o Concello financiara 43 obras

02/11/2022

Soutomaior

As comunicacións e infraestruturas de Soutomaior veñen de coñecer unha forte mellora tralo remate de cinco obras financiadas polo Plan Concellos da Deputación no concello de Soutomaior. Os deputados de Cooperación, Santos Héctor, e de Economía e Facenda, Carlos Font, visitaron as actuacións, que cun investimento acumulado de 555.114 euros permitiron continuar coa “humanización” da rúa do Peirao, mellorar os camiños de Barreiros, O Conde, Piñeiro e Rial; acondicionar o local municipal de Moreira e o seu acceso e, finalmente, pavimentar e reforzar a iluminación no acceso á igrexa de Soutomaior.

Na rúa do Peirao, en Arcade, investíronse 183.170 euros para a ampliar a beirarrúa a 3 metros de ancho, conectando así o paseo do porto coa gardería infantil a través dun itinerario peonil axeitado. Ademais, renovouse toda a capa da rodadura da rúa, mellorando ademais os servizos soterrados de augas pluviais e alumeado público.

Os camiños de Barreiros, O Conde, Piñeiro e Rial supuxeron unha achega de 206.365 euros para pavimentalos completamente, previo fresado das zonas más deterioradas. Os traballos, que incluíron o “recalzado” das tapas de rexistro e repintado da sinalización horizontal, permitiron ademais reparar beirarrúas, substituír luminarias deterioradas e limpar beiravías. Os catro camiños contan cunha lonxitude total de 1,5 Km.

En Moreira a achega da Deputación, cun total de 91.413 euros permitiu acondicionar a contorna e o acceso ao local multifuncional construíndo unha rampla para salvar un desnivel e garantir a accesibilidade de acordo coa normativa. No propio local fíxose unha completa remodelación derrubando a “tabiquería” interior para dar paso a novas divisións interiores e dotalo de dous baños, un deles adaptado. Cambiáronse as carpinterías, as instalacións de fontanería, saneamento, electricidade, climatización e ventilación e substituíuse parcialmente a cuberta.

Finalmente, a veciñanza goza dun acceso máis axeitado á igrexa de Soutomaior despois do repavimentado dos 350 metros de lonxitude e a execución de dous tramos de muro de mampostería cun total de 80 metros, que permitiron gañar 1,50 metros de anchura. Ademais, cambiáronse 9 luminarias para garantir unha correcta iluminación. Nestas obras empregáronse outros 71.166 euros.

7,5 millóns de euros investidos en 7 anos

A Deputación de Pontevedra leva investidos nos últimos 7 anos en Soutomaior case 7,5 millóns de euros, o maior investimento feito nunca neste concello na historia da Deputación. Deles, case 3,9 millóns de euros correspóndense coas achegas anuais do Plan Concellos e o resto ás actuacións dos distintos servizos provinciais. A maiores, Soutomaior ten xa asignados outros 412.000 euros para continuar realizando obras con cargo á liña 1 do Plan Concellos do ano 2023. En total, Soutomaior executou 43 obras financiadas polo programa de financiamento obxectivo da Deputación, entre as que destacan  a primeira fase da Rúa do Peirao (Arcade), as pavimentacións en camiños e a humanización da contorna do Centro Multiusos de Arcade.  Tamén contou con subvencións provinciais ao abeiro do Plan Reequilibrio para a remodelación do Campo de Fútbol Municipal de Arcade por un valor de 281.679 euros. Dende a área de Infraestruturas executáronse obras próximas aos 800.000 euros, entre as que destaca a mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-2908 Arcade-Amoedo.

Galerias de imagenes

Mostrando el intervalo 1 - 3 de 22 resultados.