Luis López apela á “suma de forzas” co Concello de Pontevedra para facer do convento de Santa Clara unha referencia cultural na cidade e en Galicia

O presidente da Deputación visitou este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no que foi o primeiro encontro institucional do dirixente popular cun alcalde da provincia e que serviu para tratar asuntos de relevancia que son competencia de ambas as dúas institucións

14/09/2023

VENDIMA FINCA CASTELO SOUTOMAIOR

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deixou claro o obxectivo do seu goberno de converter o convento de Santa Clara nunha referencia cultural para Pontevedra. Para acadalo apelou á implicación do Concello de Pontevedra para realizar unha aposta decidida e ambiciosa que estea á altura do proxecto. Fíxoo este xoves durante a reunión que mantivo co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, que foi o primeiro encontro do dirixente provincial cun rexedor da provincia.

“O convento é unha xoia e unha oportunidade para convertelo nun revulsivo cultural, social e turístico para a cidade e para toda a provincia. Os 21,5 millóns previstos poden quedar escasos para lograr o obxectivo que todos queremos, que é que Santa Clara brille; así que creo que é o momento de sumar forzas. Esta é unha iniciativa liderada pola Deputación, pero tamén é un proxecto de cidade e todos imos estar á altura do que queremos que sexa Santa Clara”, afirmou Luis López, quen convidou ao Concello a apostar tamén de forma decidida por este proxecto.

O ton cordial, amable e proactivo marcou a reunión. Ambos os dous mandatarios exhibiron a súa vontade de seguir colaborando en proxectos en prol da cidadanía pontevedresa. De feito, o presidente agradeceu a invitación, recoñeceu o xesto de ser o primeiro alcalde en solicitar a entrevista e destacou a vontade de Fernández Lores, compartida tamén por Luis López,  de sacar asuntos adiante co respecto institucional sempre como liña principal.

“Pontevedra non se pode entender sen estas dúas institucións; a veciñanza pode agardar discrepancias ou puntos de vista diferentes, pero o que non van ver de nós é unha crispación permanente”, destacou o presidente.

A restauración do convento de Santa Clara e das súas zonas verdes foi o tema principal deste primeiro encontro. Ambos os dous mandatarios puxeron en común cuestións coma o estado estrutural e de conservación no inmoble, a posibilidade de axilizar os plans en marcha, así como a aceleración da apertura dalgúns espazos para gozo da cidadanía e a organización de actividades sociais e educativas.

López e Lores falaron tamén sobre o Museo de Pontevedra. Neste sentido, o presidente ratificou o seu compromiso de executar a restauración dos edificios centrais e a construción do túnel que unirá os inmobles de García Flórez e Castro Monteagudo. Así, para poder continuar coa reforma prevista, trasladoulle ao alcalde a necesidade de acelerar todas as licenzas municipais. Ao mesmo tempo, mostrou a predisposición da Deputación de estudar a cesión do subsolo para realizar a obra do túnel.

“O Museo ten un pasado extraordinario e un futuro prometedor, pero antes cómpre resolver o seu presente. O noso obxectivo ten que ser a reforma e a súa posterior apertura”, propón López, quen tamén quere un Museo máis aberto á cidade, que aposte pola innovación, que atraia turismo cultural e que fomente a colaboración institucional.

Recuperar a xunqueira de Alba, acelerar a construción das novas vías de Montecelo e atender as queixas das e dos afectados, así como cumprir o acordo para reformar o campo de fútbol de Salcedo foron outros dos temas tratados neste primeiro cumio entre a Deputación e o Concello.

Con respecto ao traslado das instalacións que aínda permanecen na xunqueira de Alba, Lores propuxo cederlle  terreos á Xunta de Galicia no polígono de Barro para trasladar o seu parque móbil. Porén, Luis López recordou que a idea inicial deste polígono é acoller empresas para potenciar o desenvolvemento económico de Pontevedra e da provincia.

“Só podo agardar que, cando os meses vaian pasando, esa vontade siga presente e sigamos dando boas noticias para Pontevedra”, rematou o presidente da Deputación.

 

 

Galerias de imagenes