O vicepresidente da Deputación Rafa Domínguez visita a fase 1 das obras de reforma e ampliación do Hospital de Montecelo

06/06/2024

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de visitar a fase 1 das obras de reforma e ampliación do Hospital de Montecelo xunto co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue. Domínguez subliñou a importancia desta actuación, “fundamental e moi necesaria, que vai mellorar a asistencia médica e cirúrxica de centos de miles de persoas de Pontevedra e doutras comarcas da provincia como O Salnés, Caldas, O Morrazo e Terra de Montes”. Tamén enxalzou a estreita colaboración das institucións públicas para facer realidade o Gran Montecelo, tanto do concello, como da Deputación que promoveu o viario externo, ou da Xunta de Galicia a través de dúas Consellerías, “o que reflicte que existe un compromiso coa sanidade pública e que é un valor moi apreciado”.

Durante a visita realizouse un percorrido por habitacións, así como por unha planta de hospitalización e coñecéronse as máquinas de alta tecnoloxía do Plan de Inveat, sufragado con fondos europeos Next Generation, das que disporá o novo recinto hospitalario e que suporán un antes e un despois na sanidade pública na provincia de Pontevedra.