Luis López remarca a importancia do proxecto Praias sen límites para impulsar a construción de destinos turísticos máis avanzados

O Pazo provincial acolleu unha xuntanza con representantes da Costa do Sol, da entidade de promoción turística de Lanzarote e da empresa municipal Almería Turística que xunto co organismo provincial e a empresa municipal de turismo de Santander están a traballar no proxecto

16/12/2024

Luis López na presentación do proxecto

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarcou a importancia do proxecto Praias sen límites. Experiencias turísticas atemporais para reducir a estacionalidade para impulsar a construción de destinos turísticos máis avanzados. Fíxoo no transcurso da segunda xuntanza, trala celebrada en Almería e na que estivo representada tamén a institución provincial, do proxecto, na que se deron cita no Pazo provincial representantes da Costa do Sol, da entidade de promoción turística de Lanzarote e da empresa municipal Almería Turística que xunto co organismo provincial e a empresa municipal de turismo de Santander están a traballar na iniciativa.

“Sen dúbida algunha –remarcou o presidente provincial- a experiencia de todos os destinos implicados nos vai permitir mellorar, optimizar e transformar as nosas costas para convertelas en experiencias por si mesmas a carón, por exemplo, dos deportes náuticos, do sendeirismo, ou como espazos para observar estrelas ou onde vivir novas sensacións e emocións”. Neste eido, a través do proxecto Praias sen límites, tal e como se acordou na xuntanza, está previsto lanzar unha web para a xestión de experiencias en destinos de sol e praia da rede que conforma o proxecto; realizar obradoiros de concienciación turística en escolas e un estudo para coñecer experiencias desestacionalizadoras a nivel nacional e internacional; crear uns premios nacionais a traballos universitarios centrados na xeración de novas experiencias turísticas nas praias españolas para reducir a estacionalidade ou, entre outras iniciativas, realizar accións de marketing e difusión.

Praias sen límites. Experiencias turísticas atemporais para reducir a estacionalidade trátase dun proxecto con vixencia ata setembro do 2025 no que están representados “todos os mares do noso país, o Mediterráneo, o Cantábrico e o Atlántico, que recibiu financiamento europeo por valor de 700.000 euros dos cales a nós, á Deputación de Pontevedra, nos corresponden 120.000 €, e nos vai permitir sumar esforzos para converter as nosas costas en espazos dos que desfrutar os 365 días do ano”, asegurou o presidente. López recordou que o proxecto vai permitir aumentar e mellorar as experiencias turísticas no segmento de sol e praia, sobre todo en temporada baixa; poñer en valor o patrimonio material e inmaterial dos territorios; e impulsar a promoción internacional e a desestacionalización das chegadas dos turistas. Tamén detallou que á Deputación, no marco do proxecto, correspóndelle coordinar a análise e execución de espazos para apostar por un turismo familiar para desfrutar das praias con mascotas e a desenvolver rutas de sendeirismo costeiras que exploren a beleza natural da costa, promovendo o turismo activo e fomentando contornas singulares.

A xuntanza das entidades que forman parte do proxecto Praias sen límites comezou onte e estenderase ata este martes. Ademais da reunión no Pazo provincial, houbo tempo para dar a coñecer algúns dos atractivos da provincia e para ensinar os traballos que está a desenvolver a Deputación de Pontevedra a carón das costas, como a actuación no xacemento da Lanzada.

Galerias de imagenes