Luis López subliña o compromiso da Deputación coa promoción da cultura na provincia na presentación do XVI Festival Internacional de Curtas de Bueu

O XVI  FICBueu terá lugar na vila morracense desde o 9 ao 23 de setembro cunha ampla programación que inclúe, ademais da proxección de 89 curtas, charlas con cineastas, actividades infantís relacionadas co cinema, unha residencia para directores na Illa de Ons e podcasts radiofónicos

06/09/2023

FIC Bueu

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, subliñou este mércores o compromiso do Goberno provincial coa defensa e promoción da cultura na provincia como un sinal de identidade deste novo mandato durante a presentación do Festival Internacional de Curtametraxes FICBueu, que tivo lugar esta mañá na vila morracense. “O FICBueu é un dos máis destacados festivais de cinema que temos na provincia. Mais non é o único. Forma parte do Rías Baixas Film Fest, que está composto por oito festivais de cinema da máis alta calidade. Todos eles apoiados pola Deputación, o que demostra a innegociable aposta desde Goberno polo cinema en particular e pola cultura en xeral”, declarou o presidente durante a súa intervención na presentación dun festival para o que a Deputación de Pontevedra achega máis de 26.000 euros.

A alfombra vermella xa está estendida na localidade bueuesa para que comece a décimo sexta edición dun dos festivais de cinema de maior tradición da provincia. O evento  comeza o próximo sábado día 9 pero tivo este mércores a súa presentación oficial no peirao de Atilio.

Durante as próximas dezaseis xornadas, a veciñanza e os visitantes desta vila do Morrazo poderán gozar non só da proxección de 89 obras que participan nas distintas categorías do certame, senón tamén de charlas cos cineastas, de concursos para a cativada, dunha residencia para autores na Illa de Ons, dunha homenaxe ao cineasta neerlandés Joris Ivens, de podcasts radiofónicos e mesmo dunha ludoteca infantil.

Acompañado pola vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias, Luis López quixo destacar o traballo de todo o equipo da organización do festival para facer del “un escaparate para presumir do talento das e dos nosos cineastas, técnicos, actrices e actores e tamén un escaparate para a promoción do noso territorio, que ofrece escenarios para rodaxes incomparables”.

O obxectivo do FICBueu é a promoción das mellores curtas realizadas nos dous últimos anos no panorama internacional. Durante 16 días proxectaranse 89 curtas. Delas, 28 compiten no concurso da Sección Oficial e foron producidas en países dos cinco continentes, algunhas mesmo foron xa premiadas en festivais de alto prestixio coma Sundance, Cannes ou Venecia. Estes filmes poderán verse do 11 ao 16 no auditorio do Centro Social do Mar de Bueu en dúas sesións diarias, despois das que haberá un coloquio cos cineastas ou membros do equipo de produción logo dos visionados.

Tamén haberá espazo para a promoción do talento galego coa exhibición de catro curtas que participan na Sección Galicia, así como outras seis obras que se presentan no espazo “GZ-00” para novos creadores galegos.

Á marxe das proxeccións, o festival cunha ampla programación paralela como as II Xornadas Cinematográficas centradas este ano na “Cotiandade da estética do Cine Sensible”, o IV Caderno FICBueu dedicado ao cineasta neerlandés Joris Ivens ou o MiniFIC para a cativada entre o 18 e 22 de setembro.

Pero unha das novidades máis destacadas desta edición é a primeira Residencia FICBueu que ten como obxectivo impulsar o traballo das e dos directores e guionistas a través dunha titorización a cargo de Isabel Peña, gañadora de dous premios Goya. Preto dun centenar de aspirantes solicitaron praza nesta residencia, pero só serán seleccionados os catro mellores para concentrarse desde o 9 ao 15 de outubro na Illa de Ons xunto a un equipo de profesionais do sector para darlles forma ás súas obras. A mellor proposta recibirá o premio final para ser producida e levada á gran pantalla.

En definitiva, o FICBueu traerá toda unha fervenza de actividades relacionadas co cinema durante dúas semanas a esta vila do Morrazo. Unha oportunidade para que todas e todos os amantes da gran pantalla gocen dunha programación de calidade cun festival que “xa é toda unha referencia no xénero das curtametraxes a nivel internacional”, remarcou o presidente Luis López, que animou a todas as persoas asistentes a gozar do festival ao tempo que lle desexaba “moito ánimo” ao xurado pola difícil tarefa de escoller as e aos gañadores.

Finalmente, o dirixente provincial pechou a presentación do festival recordando que “o FICBueu é cultura con maiúsculas, e tede por seguro que a Deputación vai estar sempre ao voso lado, porque a cultura será un dos alicerces deste mandato”.

Galerias de imagenes