Luis López coñece en Tomiño o impacto crucial das axudas do +Aqua para impulsar ás comunidades de auga a ser punteiras en xestión sustentable

O mandatario provincial, acompañado polo deputado Javier Tourís, salienta o éxito dun plan que na súa segunda edición incrementou a partida ata os 1,15M€ e que volveu superar as previsións coa recepción de 359 solicitudes

03/04/2025

Luis López e Javier Tourís

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, pon ás comunidades de usuarios de auga de Torrón e Sobrada, beneficiarias das axudas do programa +Aqua, como exemplo da posta en marcha de sistemas de abastecemento de auga da máxima calidade. Fíxoo este xoves nunha visita a Tomiño para coñecer os proxectos impulsados por estas dúas entidades, que recibiron cada unha 10.000 euros da Deputación, a achega máxima prevista dun programa pioneiro impulsado polo goberno provincial para modernizar a xestión da auga e colaborar ao mesmo tempo coas asociacións veciñais e os concellos. “Neste lugar comezou todo, considerádevos os iniciadores. O que vimos en Tomiño quixemos levalo a toda a provincia”, agradeceu o presidente López aos usuarios destas entidades por inspirar o deseño do programa +Aqua.

Acompañado polo deputado responsable do servizo de Acción Comunitaria, Javier Tourís, o mandatario provincial coñeceu da man dos dirixentes destas dúas comunidades de usuarios de auga as melloras no sistema de abastecemento que se implantaron grazas ás subvencións do +Aqua. No caso da comunidade de Sobrada executouse o forrado do depósito de auga e unha mellora na instalación eléctrica, mentres que no caso da comunidade de Torrón serviu para dar continuidade a un proxecto de melloras, ampliación e modernización dos sistemas de captación e abastecemento de auga. “Obras que seguen elevando os niveis de calidade na xestión da auga”, valorou o presidente. Neste sentido, López tamén puxo en valor o labor do deputado Javier Tourís e o apoio de Coxapo (Comunidade Xeral de Augas de Pontevedra) para poñer un programa novidoso e pioneiro que conseguiu o recoñecemento da Unión Europea.

A primeira edición do programa +Aqua foi unha das primeiras iniciativas deseñadas polo goberno provincial desde a súa toma de posesión, un plan de apoio ás comunidades de auga dotado con un millón de euros para impulsar melloras nos sistemas de abastecemento de auga xestionados por comunidades veciñais. Unha dotación que, catro meses despois, elevouse ata os 1,6 millóns de euros porque “tivemos un aluvión de solicitudes”, explicou o presidente. A boa acollida desta primeira convocatoria, motivou o incremento da dotación inicial da segunda, que dispón dun orzamento inicial de 1,15M€, e volveu superar todas as previsións de participación. “Superáronse por completo as expectativas en canto a número de solicitudes, recibimos un total de 359 peticións”, subliñou López, quen reafirmou o compromiso da Deputación de manter este programa de apoio ás comunidades de auga ao longo de todo o mandato.

“Os usuarios das comunidades de auga sodes os artífices deste modelo de xestión de auga. Poñedes o voso tempo, os vosos recursos e unha implicación de día e noite para o control dos sistemas e querémolo agradecer. Tamén é unha ferramenta de apoio para os concellos, que teñen as competencias do abastecemento, coa aprobación de axudas para este asunto”, concluíu o presidente provincial, quen animou aos responsables destas comunidades a seguir traballando: “Non deixedes de seguir sendo un exemplo”, rematou Luis López.

Galerias de imagenes