A Deputación presenta as súas estratexias de desenvolvemento sostible ante a Rede de Entidades Locais da Axenda 2030 da FEMP

O deputado de Medio Ambiente e Mar, Marcos Guisasola, presentou en Madrid proxectos da institución provincial para apoiar os concellos do rural transfronteirizo e de apoio ás comunidades de augas da provincia

13/03/2025

Xuntanza das entidades supralocais que forman parte da Rede de Entidades Locais da Axenda 2030

O deputado de Medio Ambiente e Mar da Deputación de Pontevedra, Marcos Guisasola, presentou nunha xuntanza das entidades supralocais que forman parte da Rede de Entidades Locais da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) as iniciativas que a institución provincial está a abordar ao respecto desta materia. No encontro, que se celebrou en Madrid, o deputado provincial deu conta da estratexia provincial que avoga por transformar a provincia de Pontevedra tendo en conta os criterios de sostibilidade económica, social e medioambiental tanto apoiando os concellos da provincia como desenvolvendo proxectos propios.

Marcos Guisasola presentou, por unha banda, o proxecto C2 Axenda 2030 Local para a xeración de capacidades para posibilitar a localización da Axenda 2030 nos pequenos municipios rurais desde a colaboración transfronteiriza. O obxectivo é aproveitar as sinerxías e favorecer a identificación de retos compartidos e a xeración de proxectos transfronteirizos. Entre as súas actividades destacan a diagnose de necesidades dos concellos e xeración de ferramentas acordes a elas, a capacitación colaborativa con seminarios e cursos, a identificación e concreción de proxectos colaborativos e a creación dun observatorio para integrar o coñecemento e boas prácticas.

O proxecto, con sete socios (deputacións provinciais españolas e comunidades intermunicipais portuguesas, como axentes de dinamización, apoio e acompañamento aos concellos pequenos, e mais a Universidade de Vigo) e cun orzamento de preto de 800.000 euros dos que a Deputación achega máis de 316.000, presentouse á segunda convocatoria do programación de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2021-2027. Está conformado por tres territorios transfronteirizos: Pontevedra/Alto Minho, Cáceres/Beira Baixa e Huelva/Baixo Alentejo.

Xuntanza das entidades supralocais que forman parte da Rede de Entidades Locais da Axenda 2030

Ademais, o deputado de Medio Ambiente e Mar tamén presentou os proxectos de mellora da xestión de auga no ámbito rural da provincia de Pontevedra a través do apoderamento, apoio e posta en valor das comunidades de usuarios de augas. O proxecto atópase xa en execución e contempla medidas como a creación da oficina técnica do programa +Aqua para apoio á legalización, tecnificación e profesionalización das traídas de augas veciñais e os integrantes das comunidades, xornadas de apoderamento comarcais coas directivas destas entidades, encontros para a posta en común dos temas abordados nestas xornadas ou a xeración dun libro branco de directrices de aplicación para a xestión das comunidades de usuarios de augas.

Ademais, inclúe a creación dun observatorio sobre a xestión da auga no ámbito rural para definir e monitorizar os indicadores clave de xestión, así como para conformar un espazo de colaboración e cogobernanza, a organización dun concurso escolar que remarque a importancia da auga e a súa xestión sostible e dea a coñecer estes colectivos entre a mocidade, e a posta en marcha dun distintivo de recoñecemento ás iniciativas máis innovadoras neste ámbito impulsadas polas comunidades da provincia. Este proxecto presentouse á convocatoria de axudas para o impulso da Axenda 2030 das entidades locais convocada polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, na que obtivo preto de 250.000 euros.