Luis López valora o regreso da provincia ao percorrido de La Vuelta de 2024: “volveremos ser un escaparate mundial do mellor ciclismo”

O presidente provincial, acompañado da deputada de Turismo, Nava Castro, asistiu este mércores á presentación oficial da rolda española en Madrid

19/12/2023

O presidente, Luis López, acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro,  asistiu á presentación do percorrido de La Vuelta 2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro, asistiu á presentación do percorrido de La Vuelta da edición de 2024. O mandatario provincial estivo presente no auditorio do Hotel Madrid Marriott, onde comezou, ás 20 horas desta tarde, a cerimonia de presentación do percorrido das 21 etapas desta emblemática carreira ciclista, na que a provincia de Pontevedra volverá ter presencia. “Volveremos ser un escaparate mundial do mellor ciclismo”, valorou.

O paso do pelotón dunha das tres grandes carreiras ciclistas do mundo polas estradas da provincia de Pontevedra supón unha nova mostra da aposta do Goberno da Deputación polo deporte, como xa se demostrou recentemente coa celebración do partido da selección feminina absoluta de fútbol no Estadio de Pasarón, dentro da UEFA Nations League; así como da promoción turística do destino Rías Baixas. A proba é retransmitida en países dos cinco continentes e conta cun seguimento masivo a nivel global.

Non é a primeira vez que La Vuelta pasa pola provincia de Pontevedra. A última ocasión tivo lugar en 2021, nunha etapa decisiva con saída desde Sanxenxo e chegada no Alto de Herville, en Mos; localidade da que partira o pelotón na edición anterior con destino a Puebla de Sanabria, en Zamora. En 2016, o pelotón tamén deixou a súa pegada nas Rías Baixas cunha chegada á meta en Baiona e, ao día seguinte, a partida desde Marín. En 2014 tamén houbo dúas etapas con acento pontevedrés, pero unha das máis recordadas tivo lugar hai dez anos. La Vuelta de 2013 inaugurouse cun inesquecible contrarreloxo entre Vilanova de Arousa e Sanxenxo, na que os corredores tomaron a saída desde unha batea. Nesa edición, as catro primeira etapas da carreira transcorreron polas estradas da provincia de Pontevedra.

Galerias de imagenes