A Deputación organiza en maio as Xornadas de Educación do Museo de Pontevedra para intercambiar experiencias sobre a relación entre museos e comunidade

Ábrese ata o 18 de abril o prazo para presentar propostas de comunicacións de experiencias e investigacións

24/03/2025

Xornadas de Educación

O Museo de Pontevedra organizará os próximos 29 e 30 de maio a cuarta edición das súas Xornadas de Educación, para abordar o tema “Museos e comunidade: xerando sinerxías”. Será no marco do Día Internacional dos Museos, que se celebra cada 18 de maio e este ano ten como tema “O futuro dos museos en comunidades en constante cambio”. As xornadas son un foro de debate no que coñecer experiencias novidosas e xuntar as perspectivas de profesionais dos museos e do ámbito educativo, investigadores e estudantes sobre o papel dos museos na sociedade.

Na que é a súa cuarta edición, as xornadas porán o foco no papel dos museos como centros aglutinadores de colaboracións entre diferentes axentes culturais, co obxectivo compartido de xerar unha rede comunitaria e asociativa. O evento tratará de erixirse como un lugar de encontro e intercambio de coñecementos e inquedanzas arredor do reto de ofrecer unha oferta cultural que responda ás necesidades dunha sociedade plural e cambiante.

As xornadas están abertas á participación, mediante o formato de comunicación, de investigadoras e investigadores, profesionais do sector e estudantes de disciplinas relacionadas. As comunicacións abordarán experiencias prácticas ou investigacións relacionadas cos temas que se tratarán nas xornadas: “O papel dos departamentos de educación: construíndo comunidades”, “Educación artística e patrimonial: experiencias de colaboración” e “Axentes culturais: novos retos nunha sociedade en cambio”. 

A inscrición das comunicacións é gratuíta e farase mediante o envío dun resumo e un breve currículo antes do 18 de abril a través do correo electrónico educacion.museo@depo.es. Presentaranse de forma presencial durante as xornadas e recolleranse por escrito mediante a publicación das actas. Toda a información se pode consultar no espazo web https://museo.depo.gal/xornadas-educacion.

Ademais das comunicacións, as IV Xornadas de Educación do Museo de Pontevedra incluirán conferencias, mesas redondas e actuacións artísticas arredor de tres bloques temáticos. O xoves 29 de maio pola tarde abordarase a importancia que adquiren os museos e as distintas institucións culturais, artísticas e patrimoniais na estrutura comunitaria, amosando proxectos nesta liña no ámbito nacional.

O venres pola mañá centrarase nas experiencias de colaboración en rede entre os museos e os diferentes axentes da educación artística e patrimonial. No terceiro bloque, o venres pola tarde, tratarase de dar resposta  a cuestións sobre como construír colaboracións sólidas entre os distintos axentes culturais e os museos e como afrontar conxuntamente os retos de futuro.

Galerias de imagenes