O Pleno da Deputación aproba por unanimidade a incorporación de Santa Clara ao Museo de Pontevedra

O vicepresidente César Mosquera agradece ao PP que cambiara de postura “logo de críticas feroces e desproporcionadas” polo acordo de cesión do Concello de Pontevedra ao goberno provincial

21/12/2022

Pleno ordinario

O Pleno da Corporación provincial aprobou hoxe por unanimidade un feito histórico: a incorporación do convento de Santa Clara ao Museo de Pontevedra. Todos os grupos, incluído o PP, votaron a favor do convenio polo que a Deputación recibirá a cesión gratuíta e indefinida do conxunto relixioso por parte do Concello de Pontevedra. Segundo subliñou o vicepresidente Mosquera “hoxe é un día porque supón a culminación dun soño acariñado durante moitísimos anos (...) que abre moitas expectativas que cumprirían o grande Museo que soñaron (...) Casto Sampedro, Castelao ou Filgueira Valverde”.

O responsable político da institución museística destacou que a idea de incorporar Santa Clara xa se plantexara hai 40 anos nos ambientes culturais de Pontevedra, tanto polo que significaba o propio convento como pola achega de espazo que suporía para a mazá cultural. Insistiu en que foi necesario perseverar para lograr a compra mais subliñou que aínda queda moito por facer. “Este –o convenio - é un paso decisivo”, insistiu.

Entre os agradecementos, o vicepresidente destacou a disposición do Concello de Pontevedra para a cesión do inmoble. Lembrou que o goberno local sempre tivo claro que na cidade o principal museo era o da Deputación sen intentar competir, disgregar ou quitar potencia poñendo en marcha outras iniciativas museísticas. Tamén agradeceu Mosquera a sensibilidade da presidenta Carmela Silva, de quen dixo tivo unha aposta decidida polo Museo, a pesares de escoitar que o paso de Santa Clara á Deputación era “un disparate”. Fixo fincapé , por outra banda, no traballo do persoal funcionario pola “velocidade inaudita” para que o convenio sexa unha realidade.

Finalmente, o nacionalista recoñeceu especificamente ao Partido Popular que mudara a actitude contraria amosada polo grupo local ante a operación: “Custoulle, pero sinceramente teño que agradecerlle que cambiara de postura e, de criticar de maneira feroz e desproporcionada que o convento pase ao Museo, pasara a votar a favor (...) porque é o correcto. Rectificar é de sabios. Quero agradecer esta rectificación”, insistiu.

Pola súa banda, o deputado López Font destacou que a incorporación do convento das Clarisas como edificio do Museo supón un “fito histórico” porque se trata dun “espazo único que se recupera para a xente” e que mellorará o museo máis importante do país. Tamén aproveitou para lembrar que a rehabilitación do conxunto debe incorporar a outras administracións como Xunta e Estado. O grupo provincial do Partido Popular decidiu non intervir no punto e votou directamente a favor na resolución.

No texto do convenio aprobado hoxe en Pleno establécense as condicións para a cesión de Santa Clara do Concello á Deputación: a administración capitalina cederá a propiedade, máis da metade da horta quedará para uso público, haberá uso compartido do salón de actos, e o sostemento da parte pública será responsabilidade do Concello. A Deputación, pola súa parte, subrogarase dos elementos que quedaron en depósito por catro anos (o coro, o órgano, o púlpito e os retablos) e farase cargo das obras e de todos os estudos precisos para levalas adiante.

A data para a sinatura oficial do acordo pecharase nos vindeiros días.

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.