As cinco equipas internacionais de arquitectura que aspiran a rehabilitar Santa Clara comezan o traballo de campo para deseñar a súa proposta
Representantes das firmas finalistas do concurso de anteproxectos coñeceron hoxe as construcións e a finca
07/03/2023
Representantes das cinco firmas internacionais de arquitectura que aspiran a rehabilitar Santa Clara (Nieto Sobejano, Kengo Kuma, a UTE David Chipperfield-Carlos Seoane, Kaan, e a UTE Snohetta-Alfonso Penela) visitaron hoxe as instalacións do convento para iniciar o traballo de campo a partir do que deseñarán anteproxecto para recuperar o conxunto relixioso e transformalo en museo.
Trátase da primeira das visitas que poderán facer as equipas co fin de recoller toda a información posible para realizar cadanseu deseño, que deberán entregar antes do mes de xuño co fin de que o xurado escolla a mellor proposta. Segundo o vicepresidente César Mosquera, o obxectivo é que o conxunto de Santa Clara se converta no “estandarte do Museo de Pontevedra” integrándose na cidade e dando, á vez, resposta ás necesidades museísticas da institución.
“Santa Clara representa moitísimo en Pontevedra, tanto na cidade como na provincia. Estaba aquí sempre presente, pero recóndita, estraña. Había interese soterrado por saber que pasaba aquí dentro”, explicou ás equipas de arquitectura, ante as que destacou que foron máis de 17.000 as persoas visitantes que pasaron polo conxunto nas diferentes xornadas de portas abertas.
Para o vicepresidente a recuperación de Santa Clara é “unha grande esperanza á altura das actuacións que se fixeron a finais do século XIX no ensanche de Pontevedra”. Destacou que é preciso abrir o recinto á cidade, o que augurou non será fácil: “Un dos retos será como mantendo a idea e estrutura do convento lograr permeabilizar co exterior e que funcione como unha peza integrada no tecido urbano”, salientou.
En segundo lugar, o nacionalista destacou que o Museo de Pontevedra é un dos museos provinciais máis importantes de todo o Estado e o máis potente con distancia na Galiza, polo que tamén “hai que acadar que Santa Clara funcione como museo”. “A solución non é fácil para iso estades vós. Hai que ver como lograr que sexa o estandarte do Museo. Nós temos gran enorme ilusión en que isto sexa unha actuación que resolva moitos problemas e mellore moito o Museo e a cidade. Agradecemento por que estudos tan importantes acheguen solucións para poñer sobre a mesa e nos van levar polo bo camiño”, finalizou.
Pola súa parte, o director do Museo subliñou que a xornada de traballo de hoxe foi importante porque sentou as bases para a nova configuración do conxunto de edificios do convento. “A esperanza que temos é moi grande porque con este concurso se seleccionaron cinco estudos de arquitectura a nivel mundial premiados en múltiples proxectos. A experiencia que buscamos é que deste proceso de reflexión teñamos a mellor das solucións posibles”, dixo.
Aos estudos de arquitectura pediulles “que pensen e tomen a iniciativa e o proxecto con moito cariño e con moito amor porque é unha actuación complexa, un espazo moi grande, que integra un número moi grande de unidades edificatorias moi diferentes e unha zona verde tremendamente importante. Hai que buscar unha solución que amose equilibrio entre manter a esencia e o espírito do espazo, pero tamén atender o Museo de Pontevedra do século XXI”. Lembrou que será nunha segunda fase na que intervirá o xurado cando se decida o proxecto final.
Competencia “tremenda” e previsión de cinco proxectos moi diferentes
A equipa de arquitectura con máis puntuación na primeira criba do concurso de anteproxectos (cando se seleccionaron os cinco finalistas entre os 23 presentados foi Nieto Sobejano, que conseguiu 100 puntos dos 100 posibles. A Pontevedra trasladáronse dende Madrid os socios principais, Fuensanta Nieto e Enrique Sobejano, xunto ao museólogo Antonio Nicolau.
Sobejano explicou que o interese en participar no concurso para rehabilitar Santa Clara xorde pola carreira do estudo, que estivo sempre enfocada a edificios culturais e intervencións no Patrimonio en edificios con contextos “complexos e difíciles”.
“Poucas veces, e temos moita experiencia, atopamos as circunstancias que conflúen aquí en Santa Clara. Por unha parte é un edificio histórico con grande valor patrimonial, pero por outro é un lugar que ten unha topografía tremendamente presente que vai influír moito no proxecto. É un edificio que non está illado. Forma parte do verdadeiro corazón da cidade de Pontevedra”, dixo.
En calquera caso, subliñou que “se teño que resumir o que máis nos interesou é precisamente a cuestión de que é un edificio que durante séculos estivo pechado e enclaustrado, privativo das relixiosas que estaban aquí, que debe e pretende transformarse nun espazo público. Os museos contemporáneos, a súa maior necesidade non só radica nas coleccións e nas exposicións, senón en transformarse en espazos públicos que modifiquen e melloren a relación coa cidade. Iso foi o esencial”.
Pola súa banda, Fuensanta Nieto destacou o interese de como se desenvolveu a construción dos edificios do conventos, as reconstrucións, engadidos, demolicións... que se deben ter en conta no proxecto. “Temos que ser capaces de que todo funcione como un todo, porque -o que a min me pareceu- é que Santa Clara é como unha agregación de edificios. Temos que ser capaces de que funcionen como un todo e que ademais que o conxunto sexa parte dos outros edificios que pertencen ao Museo. É un auténtico reto”.
Sobre o resultado final da súa proposta, ambos destacaron que “a experiencia en rehabilitación danos a visión de que todas as rehabilitacións son diferentes”. “Se dixeramos que este caso vai ser coma outro seguramente nos equivocaríamos. Primeiro porque corresponde moito á cultura de cada lugar como se executan os edificios. Aquí estamos a ver impresionantes ‘sillares’ de granito que non atopamos noutros edificios doutros lugares. Iso leva consigo patoloxías e outros aspectos técnicos que son fundamentais para que funcione o edificio... Pero agora mesmo preocúpannos máis as cuestións conceptuais, como se consigue en que todo isto se transforme en algo diferente mantendo a esencia. Logo virá a parte técnica”, insistiron.
Para as representantes do estudo, o primeiro contacto con Santa Clara hoxe foi “básico” porque “van aparecendo ideas a medida que vas coñecendo e vendo o obxecto de traballo”. De feito, o museólogo Antonio Nicolau salientou que “é tamén un reto interesante como debe ser un museo histórico arqueolóxico do século XXI. Como debe ser o espazo público, como liga o espazo público de horta cunhas reservas visitables, cun centro de xestión arqueolóxica... Todo iso implica unha reflexión museolóxica de como deben ser os espazos, as circulacións, que actitude agardamos do público, etc, na que queremos traballar. Agardamos facer unha boa proposta”.
Sobre a competencia e os demais equipos presentados ao concurso, Nieto Sobejano aseguraron que é “tremenda”. “Coñecemos a todos porque dun modo ou outro coincidimos noutros proxectos. Son equipos fantásticos. O que cabe agardar son cinco propostas moi distintas e aínda así todas pensadas con moito interese”, finalizaron.
Entre os estudos de Nieto Sobejano, Kengo Kuma, a UTE David Chipperfield-Carlos Seoane, Kaan, e a UTE Snohetta-Alfonso Penela suman 77 premios de arquitectura de talla internacional e centos de edificios executados arredor de todo o mundo. Algúns deles foron os responsables do Memorial do 11 S en Nova Iorque, a Biblioteca de Alexandría (Exipto), o Neues Museum (Berlín) –con 19 premios internacionais-, a James Simon Galerie (Berlín) -5 premios internacionais-, Jacoby Studiios (Alemania) -5 premios internacionais-, ou Amoreapacific (Seul, Corea do Sur) -6 premios internacionais-, o Real Museo de Belas Artes (Amberes, Bélxica) -2 premios internacionais-, o Catharijneconvent (Utrech) -1 premio internacional-, o Tribunal Supremo dos Países Baixos (La Haya) -2 premios internacionais-, o Instituto de Belas Artes de Nezu (Tokyo) –con 3 premios internacionais-, o V&A Museum of desing Dundee (Escocia)-con 3 premios internacionais-, ou a Casa dos Contos HC Andersen (Dinamarca), entre outros.