Poio recupera o Pazo de Besada para a veciñanza coa reforma financiada pola Deputación de Pontevedra

A actuación, unha demanda histórica da cidadanía de Poio, recibiu máis de 550.000 euros do Plan Concellos e supón abrir as portas do emblemático edificio á xente

26/11/2022

Pazo Besada

O emblemático Pazo de Besada, situado na parroquia de San Salvador de Poio, revive os seus mellores días trala importante actuación de reforma interior levaba a cabo polo concello grazas ás achegas da Deputación de Pontevedra. A presidenta, Carmela Silva, xunto ao alcalde, Luciano Sobral, e o concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, inauguraron hoxe as obras que recibiron unha inxección económica de 551.078 euros (o 100% do seu orzamento) procedentes do Plan Concellos para dar resposta a unha demanda histórica de Poio e abrir o Pazo de Besada á veciñanza.

No acto, que contou coa asistencia de numerosas veciñas e veciños, Carmela Silva sinalou que “a recuperación do Pazo é unha magnífica realidade, tanto pola posta en valor deste importante patrimonio arquitectónico da provincia, que non podemos deixar morrer, como polos usos aos que estará destinado o inmoble”. A presidenta felicitou o concello por escoller o Pazo como futura sede dos servizos sociais e o Centro de Información á Muller e asegurou que “acoller as políticas sociais e as de igualdade nun edificio tan impoñente, emblemático e histórico como é o Pazo de Besada dignifícaas e é unha declaración de intencións: con iso, Poio estanos a dicir que son unha prioridade”. “Nada pode facernos máis felices, engadeu, que dotar á veciñanza de equipamentos de calidade, democratizando este espazo e facendo que as políticas sociais cheguen tamén a lugares nobres que, amais, convertemos nun punto de encontro interxeneracional”

O edificio contará con espazos para atención á cidadanía e para a celebración de actos e actividades sociais, polo que a presidenta vaticinou que “o Pazo de Besada será un fervedoiro de persoas e un lugar onde poder estar en contacto coa cidadanía”. Carmela Silva lembrou que “a dotación de novos equipamentos é moi custosa para os concellos, pero sempre terán unha aliada na Deputación porque somos conscientes de que son fundamentais para mellorar a calidade de vida da nosa xente”.

Pola súa banda o alcalde de Poio, Luciano Sobral, asegurou que “conseguimos para o noso territorio espazos de calidade  para construír unha sociedade igualitaria e xusta. Hoxe podemos dicir que o Pazo ábrese á cidadanía. De non ter a valentía de intervilo, sinalou, quedaría no esquecemento”

O concelleiro Gregorio Agís, que abriu o acto de inauguración, tamén salientou que “é un día moi importante para Poio, dun valor incalculable, e detallou os antecedentes da rehabilitación do Pazo “que agora culmina de forma tan feliz porque creamos no Pazo de Besada un auténtico punto de encontro e convivencia para a veciñanza”.

As obras no Pazo de Besada, datado de 1913, permitiron habilitar no interior os espazos nos que se instalarán os departamentos de Benestar Social mailo CIM actualmente localizados na Casa Rosada da Barca, que tralo traslado –nos primeiros meses de 2023– terá outros usos de carácter lúdico. Estes despachos sitúanse no andar baixo e no primeiro andar, onde tamén se disporán áreas destinadas ás persoas maiores. No primeiro andar o Pazo tamén conta cun salón de actos e eventos e no baixo cuberta (segundo andar) habilitouse unha ampla zona de estudo e de lectura.

As obras tamén incluíron a posta a punto das terrazas exteriores, que se poden empregar como zonas de esparexemento e descanso para as persoas maiores. Ademais, urbanizáronse tanto a parcela (tamén un elemento singular protexido) como a zona de acceso desde a vía pública maila contorna inmediata do inmoble para garantir a súa accesibilidade universal (o edificio, a este respecto, tamén contará cun ascensor) e tamén se dotou de servizos básicos, con sistemas de iluminación e calefacción baseados na eficiencia enerxética.

Con esta obra financiada polo Plan Concellos da Deputación, o Concello deixa listas as actuacións nas edificacións desta emblemática contorna, coa reforma do Pazo e as anteriores da casa dos guardeses (hoxe sede de Xuventude) e a biblioteca (que serve de espazo para cursos de formación). A finca conta tamén cun xardín de 7.665 m2, con 23 especies diferentes nas que salientan as camelias. Deste xeito, ponse en valor unha das dependencias máis emblemáticas do Concello, habilitando novos espazos de traballo para o persoal destes departamentos e de lecer para a veciñanza.

videos