O Pazo de Besada revive o seu esplendor para albergar os servizos sociais de Poio coa reforma levada a cabo co plan concellos

Carmela Silva: “Para manter o patrimonio que temos na provincia hai que darlle uso, e a veciñanza agora pode desfrutar dun equipamento novo e moi potente”

04/05/2022

Pazo da Besada

Un século despois da súa construción, o emblemático Pazo de Besada recupera todo o seu esplendor e pasa a man da veciñanza de Poio para acoller os Servizos Sociais do Concello, coa reforma interior que se está a levar a cabo cunha achega de máis de medio millón de euros do Plan Concellos da Deputación. A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Poio, Luciano Sobral; do deputado de Infraestruturas Gregorio Agís, e de representantes da Corporación municipal, visitaron hoxe as obras que se están a desenvolver neste singular edificio histórico, que foi residencia do ministro de Asuntos Económicos da Restauración, Augusto González Besada y Mein. Carmela Silva aproveitou a visita para poñer moi en valor as actuacións levadas a cabo polo Concello para recuperar o inmoble para a veciñanza, “que agora ten e pode desfrutar dun novo equipamento tan potente como este”.

“Este marabilloso pazo –subliñou Carmela Silva- ten uns salóns magníficos e unhas terrazas dignas de ser usadas”. A presidenta destacou que o Plan Concellos está a permitir, entre outras cousas, que os municipios da provincia poidan abordar actuacións moi importantes e de índole social. “Para facilitar o mantemento deste patrimonio arquitectónico tan potente que temos na provincia hai que darlle uso, facer que os edificios estean vivos”, subliñou, e neste senso felicitou ao Concello de Poio “tanto pola recuperación do inmoble como polo uso que se lle vai dar, que ten que ver coa política social e con posibilitar actividades tanto para persoas maiores como mozas, e con salas que van acoller diferentes actos”. “Coidar das persoas, facer que haxa equipamentos para atendelas, paréceme que é unha das grandes prioridades dos gobernos locais”, engadiu a presidenta, que tamén enxalzou a calidade do traballo levado a cabo pola empresa construtora, Abal.

Explicou que trala reforma, o pazo compre agora tódalas normativas sobre aforro enerxético, salubridade e a necesidade de garantir que sexa “un edificio amable para a xente”.  “Fai sete anos o goberno da Deputación decidiu aprobar un Plan Concellos para que os municipios puideran ter recursos e, sete anos despois, todas as obras realizadas téñenos amosado que foi unha grande decisión, o que nos satisfai moito”, concluíu.

Pola súa banda, o alcalde de Poio, Luciano Sobral, destacou que a reforma interior é “o último punto no camiño” para darlle actividade de novo ao pazo “e poñelo á disposición da veciñanza”. Lembrou que as actuacións comezaron trala sinatura do convenio urbanístico que facilitou a posta a disposición deste inmoble, das súas edificacións adxacentes (a casa dos guardeses, as cocheiras e a biblioteca, que xa se rehabilitaron con anterioridade) e da espectacular finca exterior. Indicou que nunha primeira obra, rehabilitouse estruturalmente o pazo “e agora dámoslle actividade” coa reforma interior que culminará co traslado dos Servizos Sociais. O inmoble servirá tamén como punto de encontro das persoas maiores, e tanto elas como as demais persoas usuarias terán a súa disposición as terrazas para que poidan descansar mentres fan xestións nos novos espazos administrativos. Amais, as obras incluíron un salón de actos na primeira planta para actividades socioculturais e una zona de estudo no baixo cuberta para uso da mocidade. O proxecto contempla así mesmo a urbanización da contorna inmediata do edificio coa finalidade de garantir o acceso universal a todas as persoas usuarias.

“Hoxe é un día moi importante  grazas ao Plan Concellos; debémonos felicitar todos e todas”, apuntou Sobral, quen tamén valorou o desempeño da empresa. “Cando presidía a Deputación outro grupo político tiñamos dificultade para garantir a financiación de actuacións. Foi un acerto que a Deputación optara por ter un Plan onde respecte aos concellos por igual e que saibamos o que temos cada ano para facer os investimentos e que nós decidamos que facer”. Engadiu que o Concello de Poio optou por destinar fondos “para darlle vida de novo ao que no seu día foi unha vivenda familiar, na que a familia do ministro pasaba todos os veráns e na que casaron os seus fillos”.

As obras estarán rematadas para finais de xullo, para iniciar logo o traslado desde as actuais oficinas da Casa Rosada. O deputado e concelleiro Gregorio Agís subliñou que non se prevén outras actuacións que non sexan as de mantemento e coidado para o xardín exterior, que conta con especies senlleiras e está especialmente protexido por Patrimonio, que permite só obras de conservación, segundo Agís.

Galerias de imaxes

videos