Inauguración da sétima edición do Galician Freaky Film Festival

22/09/2023

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, asistiu no Auditorio municipal de Vigo á inauguración da sétima edición do Galician Freaky Film Festival, unha das oito citas audiovisuais da marca provincial “Rías Baixas Film Fest”. Fernández-Tapias agradeceu o labor da asociación Abella para organizar o festival, “innovando ano tras ano para ofrecer propostas que enriquecen a experiencia” como o ‘Pequefreak’ ou unha feira fantástica e freak. “Sodes un reflexo do espírito da provincia, onde a capacidade de superación é un dos nosos sinais de identidade e vós tedes un moi propio, xa que non hai nada que se pareza a este festival tan singular”, valorou a responsable de Cultura, que tamén lembrou que unha das curtametraxes proxectadas (“Sandwich cat”, de David Fidalgo) conta co patrocinio da institución provincial. A vicepresidenta asegurou que “a Deputación cre no cinema, no poder da cultura e o talento da nosa xente”, polo que garantiu “todo o noso apoio á cultura” e tamén “contacto permanente co sector e co resto de administracións públicas para que ocupe o espazo e a relevancia que merece”.​